Nova: A prestixiosa formación de música antiga La Morra inaugura Espazos Sonoros 2015

11/09/2015

A prestixiosa formación de música antiga La Morra inaugura Espazos Sonoros 2015

A igrexa gótica de San Nicolao de Cis, no concello coruñés de Oza-Cesuras, acollerá este concerto homenaxe ao compositor Francesco Landini

Ata o 28 de outubro ofrecerá concertos e diversas actividades en Monforte de Lemos, San Cristovo de Cea, Santiago de Compostela, Silleda, O Barco, Forcarei, Baiona, Bueu e Pontevedra para descubrir e poñer en valor o patrimonio histórico e natural destes municipios

  • La Morra
  • A igrexa gótica de San Nicolao de Cis, no concello coruñés de Oza-Cesuras A igrexa gótica de San Nicolao de Cis, no concello coruñés de Oza-Cesuras
  • Espazos Sonoros 2015

Santiago, 11 de setembro de 2015.- A prestixiosa formación de música antiga La Morra inaugurará esta fin de semana, o domingo día 13 de setembro, a oitava edición do festival  Espazos Sonoros para a descuberta e posta en valor do patrimonio histórico. Ata o vindeiro 28 de outubro, o ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Educación, baixo a dirección artística de Belén Bermejo percorrerá os concellos de Monforte de Lemos, San Cristovo de Cea, Santiago de Compostela, Silleda, O Barco, Forcarei, Baiona, Bueu e Pontevedra para descubrir e poñer en valor o patrimonio histórico e natural destes municipios, a través de concertos e dunha completa programación de actividades, entre as que se inclúen obradoiros de música antiga, visitas guiadas a bens de especial interese cultural e rutas pola súa contorna.

A igrexa gótica de San Nicolao de Cis, no concello coruñés de Oza-Cesuras, acollerá, a partir das 20:00 horas, o concerto ‘Luce Nell’Ombra’, no que Corina Marti (‘clavisimbalum’ e ‘organetto’), Michal Gondko (laúde) e Vivaviancaluna Biffi (canto e fídula) lle renderán homenaxe a Francesco Landini, un dos compositores italianos de maior sona do chamado ‘trecento’, a través dunha escolla dalgunhas das súas máis fermosas ballatas, a través das cales Landini mostra un especial don para a composición melódica e, ao tempo, a súa capacidade de atopar orixinais solucións harmónicas.

 

Un referente no mundo da música antiga
O conxunto La Morra, que toma o seu nome da famosa peza instrumental do mestre Heinrich Isaac, forma parte dun grupo de prestixiosas formacións que se foron facendo un espazo no mundo da música antiga a comezos do presente século. Especializado na interpretación da música tardomedieval e do primeiro Renacemento (1300-1500), o grupo ten a súa sede en Basilea, un dos máis reputados centros de estudo e investigación da música antiga.

Ademais de aproximar o público ao que está a acontecer nos escenarios internacionais, este concerto constitúe un achegamento ao patrimonio histórico galego, concretamente ao edificio relixioso de maior interese patrimonial do concello coruñés de Oza-Cesures. Trátase da igrexa de San Nicolao de Cis, que formaba parte do antigo mosteiro de San Salvador, un dos poucos exemplos de templo de estilo oxival con tres naves de Galicia.

Recuperación dunha gravación insólita
Xunto con La Morra, recoñecidos grupos e artistas internacionais, como o cantante estadounidense Joel Frederiksen ou La Macorina comparten cartel en Espazos Sonoros 

cunha mostra do mellor talento artístico galego, que estará representado por Óscar Ibáñez trío, pola formación Herbens Consort, especialista en interpretación de repertorios barrocos;  polo Quinteto Egeria, formado por intérpretes da Real Filharmonía de Galicia e do claustro de profesores do Conservatorio de Santiago; ou polo dúo de zanfona e acordeón diatónico integrado por Óscar Fernández e Carlos Quintá.

Rolda pola paisaxe organística de Monforte de Lemos
A próxima cita de Espazos Sonoros será o vindeiro sábado 19 de setembro e terá como protagonista o patrimonio organístico e musical atesourado en Monforte de Lemos. A xornada, que comezará ás 11:00 horas cun achegamento aos órganos de Santa María da Régoa e San Vicente do Pino, completarase cun percorrido pola vila da man de Richard Rivera, coautor da obra ‘Itinerario histórico-musical de Monforte de Lemos’, e rematará cun concerto a cargo do Coro Vox Stellae e dos Menestreis de 1500.

A inscrición para reservar as últimas prazas dispoñibles desta actividade pode realizarse a través do enderezo electrónico actividades@espazossonoros.org

Obradoiros de música antiga, visitas guiadas e rutas
Xunto coa rolda pola paisaxe organística de Monforte de Lemos, a oitava edición de Espazos Sonoros ofrecerá outras actividades para achegar o público á música e ao patrimonio histórico, con propostas como as ‘Escoitas arredor de...’, un espazo de música e faladoiro para coñecer a cara máis íntima dos artistas; un obradoiro de achegamento á música antiga, que este ano estará dedicado á frauta de bico; visitas guiadas a bens de especial interese cultural como o mosteiro de Oseira, xornadas de lecer arredor da pegada da familia Massó e de Urbano Lugrís en Bueu e da paisaxe cultural e natural de Éntoma, xunto con camiñadas por rutas como a do camiño das Neveiras, en Aciveiro, Forcarei, para coñecer a cultura do xeo en Galicia.

Todos os concertos de Espazos Sonoros son de balde, con entrada libre ata completar a capacidade. Nas actividades con prazas limitadas, que se poden consultar en www.cultura.gal e www.espazossonoros.org, é imprescindible a inscrición previa nas datas establecidas.

 

Comparte