Nova: Investimento para rehabilitar a Igrexa de Palio, unha xoia prerrománica excepcional en Galicia
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
12/09/2015
Investimento para rehabilitar a Igrexa de Palio, unha xoia prerrománica excepcional en Galicia
A intervención, de 190.000 euros, neste singular templo dividirase en dúas fases
Comezaron os traballos arqueolóxicos no Altar do Sol de Alperiz, unha estrutura megalítica única dentro do megalitismo no noroeste peninsular
Lalín (Pontevedra), 12 de setembro de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou dous emblemas do patrimonio cultural de Galicia: o Altar do Sol de Alperiz e a igrexa de Santa Eulalia de Palio, ámbolos dous situados en Lalín. Con motivo da súa visita a esta última, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia anunciou un investimento de preto de 190.000 euros co fin de rehabilitar a sancristía, de considerables dimensións, e o templo. Trátase dunha verdadeira xoia prerrománica, posto que é unha mostra case única dentro das construcións desta época que se conservan na Comunidade galega.
Segundo explicou Román Rodríguez, a intervención neste conxunto prerrománico farase en dúas fases. Primeiro actuarase nas cubertas da igrexa e a sancristía, e nunha segunda fase realizaranse obras de consolidación e demais traballos interiores. Neste momento estase rematando de supervisar o proxecto.
Gran interese histórico
Pese a ser un templo pequeno, ten un considerable interese histórico e, por tanto, un gran valor patrimonial, polo que é precisa esta actuación de rehabilitación e conservación. A igrexa de Palio ten as características formais e construtivas dos templos rurais románicos e conta ademais cunha solución de cuberta en estrutura de madeira moi elaborada, así como dunha notable calidade construtiva. A maiores, conserva pinturas murais sobre recebo de cal.
Altar do Sol
Por outro lado, o conselleiro tamén comprobou os traballos arqueolóxicos que, desde esta mesma semana, se están levando a cabo no denominado Altar do Sol, situado en Alperiz. Tal e como comprometeu Román Rodríguez, as actuacións –realizadas pola empresa Arkaios S.L– comezaron a mediados desta semana, cunha limpeza da vexetación na zona primeiro, para despois proceder á escavación, xa iniciada.
De feito, o obxectivo desta intervención pasa por avaliar a morfoloxía do xacemento, as súas características, funcionalidade e cronoloxía de cara á súa posta en valor, tendo en conta que se trata dunha estrutura megalítica excepcional dentro do estudado ata o momento no noroeste peninsular.
A estes traballos -promovidos pola Consellería a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e cun investimento de 18.525 euros- poderanse sumar outras futuras actuacións no entorno que poida realizar o concello de Lalín en aras de camiñar cara unha mellora integral deste singular xacemento.