Nova: Dezasete talentos musicais emerxentes de Galicia e internacionais participan no V Festival Peregrinos Musicais
15/09/2015
Dezasete talentos musicais emerxentes de Galicia e internacionais participan no V Festival Peregrinos Musicais
Diversos escenarios de Santiago de Compostela acollerán entre o 21 e 25 de setembro os cinco concertos do ciclo
Santiago, 15 de setembro de 2015.- O Festival Internacional Peregrinos Musicais celebra este ano a súa quinta edición con 17 talentos musicais emerxentes e cinco concertos e encontros líricos, que se ofrecerán entre o 21 e o 25 de setembro na capital de Galicia co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e mais do Concello de Santiago de Compostela.
Dez músicos galegos –catro deles, integrantes dun cuarteto– cinco rusos, unha nena holandesa e un mozo bielorruso compartirán escenario nesta cita internacional de música clásica, que foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola presidenta da Asociación Peregrinos Musicais e directora do festival, Ilona Timchenko; e pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago de Compostela, Marta Lois.
Durante a presentación, o secretario xeral de Cultura destacou a “dobre dimensión dos novos talentos musicais” que participan neste programa, tanto pola súa idade como por estaren iniciando as súas carreiras artísticas profesionais, e recordou a oportunidade que lles ofrece o festival de “dialogar e convivir” durante cinco días.
Novas pontes musicais entre Galicia e Holanda
Anxo Lorenzo tamén puxo en valor a “busca permanente de elementos novidosos en cada edición do festival” e fixo especial mención á nova ponte musical deste ano entre Galicia e Holanda, país do que procede, por vez primeira, unha das participantes. Tal e como xa fixera coas fundacións Rostrópovich e Vladímir Spivákov, agora o festival alcanzou un acordo para darlles bolsa a outros músicos xoves a través da fundación holandesa Peter de Grote.
Cinco concertos e encontros musicais
Os novos talentos musicais galegos e os mozos e mozas procedentes das fundacións Rostrópovich, Spivákov e Peter de Grote actuarán en diversos escenarios da capital galega, no marco dun festival que lles ofrece a oportunidade de dar a coñecer o seu virtuosismo internacionalmente.
O concerto inaugural terá lugar o día 21 no Teatro Principal, ás 20:30 horas. Ao día seguinte, os peregrinos musicais ofrecerán un concerto na catedral, ás 21:30 horas. O mércores 23, a actuación ‘Mestres e laureados’, ás 22:30 horas, contará coa interpretación da pianista de renome internacional Ilona Timchenko, coa que compartirán escenario Diana Poghosyan (violín) e Amelia Ónega (clarinete), dúas participantes de edicións anteriores do festival.
O paraninfo da USC, na Facultade de Xeografía e Historia, acollerá, ás 20:30 horas, o concerto ‘Années de Pèlerinage’. Xa no concerto de clausura, o día 25, ás 21:00 horas, os novos solistas actuarán coa Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Maximino Zumalave.
Os intérpretes galegos da quinta edición do festival son Álvaro Jurado (percusión), e os integrantes do cuarteto The Tretramorph, Xosé Antón Comesaña (clarinete), Manuel Doel (saxo), Pablo Rouco (piano), Sara Pinaque (piano) e Silvia Rozas (frauta). Do ámbito internacional participan Arsenova Alexandra (Arpa), Arsenova Ksenia (frauta), George Ibatulin (violín), Grigory Filipchenko (chelo), Tikhon Mikita (piano) e Thawjick Elders (piano).
Entradas
Os concertos na USC e na Catedral de Santiago son gratuítos. Os menores de 18 anos non terán que pagar entrada nas outras tres programacións do V Festival, e poderán acceder ás salas de forma totalmente gratuíta. As entradas do concerto inaugural, no Teatro Principal, e o de clausura, no que participará a Real Filharmonía de Galicia, venderanse ao prezo de 5 euros. No concerto ‘Mestres e laureados’ as entradas serán a 8 euros.
A programación de concertos pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal.
O proxecto Peregrinos Musicais
O proxecto Peregrinos Musicais, promovido pola asociación do mesmo nome e que conta co apoio da Secretaría Xeral de Cultura desde a súa primeira edición, é pioneiro en Galicia e está enfocado, principalmente, a mozos de entre 12 e 21 anos e que xa teñen un alto nivel musical. Durante estes cinco anos, pola capital de Galicia pasaron máis de 60 mozos e mozas que estreitaron lazos a través da música clásica. Estes músicos viñeron desde Suecia, Armenia, Holanda, Bielorrusia ou Xeorxia, aínda que a gran maioría procede de Rusia, berce de grandes mestres mundiais da música clásica.