Nova: Avances na protección dos Camiños de Santiago
16/09/2015
Avances na protección dos Camiños de Santiago
Compromiso da Xunta coa ruta xacobea do Norte, que se acredita nun investimento de preto de 12 millóns de euros
Santiago, 16 de setembro de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria explicou no Parlamento galego os avances que o seu departamento ten acometido no eido da protección dos Camiños de Santiago, “un símbolo de orgullo e identidade” e “un recurso sustentable” −dixo−, lembrando seguidamente que a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, leva comprometidos ou investidos preto de 12 millóns de euros nos Camiños do Norte desde 2009 até o día de hoxe.
Román Rodríguez explicou que desde a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural xa se teñen iniciado os traballos para unha delimitación definitiva do Camiño Portugués e que nos vindeiros meses de outubro e novembro comezarán as reunións previas á incoación cos distintos concellos polos que pasa esta ruta. Ademais, estímase para o vindeiro ano encomezar os estudos previos na ruta da Prata, coñecida tamén como Camiño Mozárabe e, en función das dispoñibilidades orzamentarias, no Camiño de Fisterra e Muxía. Finalmente, o conselleiro lembrou que a nova Lei prevé a incorporación do Camiño de Inverno como unha ruta principal do Camiño de Santiago.
Marco legal: a nova Lei de Patrimonio
Logo de explicar o marco legal vixente que afecta aos Camiños de Santiago e de concretar o xeito no que se establecen os procesos de protección das rutas xacobeas, o conselleiro destacou a forza legal que para eles terá a nova Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.
A Lei, afirmou o conselleiro, supón “unha oportunidade para conservar, poñer en valor e dinamizar os Camiños de Santiago”. Trátase dunha normativa que procura o consenso con todos os actores implicados e que, loxicamente, será sometida ao preceptivo debate parlamentario nos vindeiros meses, “no que serán escoitadas e tidas en conta todas as achegas que redunden nunha mellora da protección do patrimonio cultural galego”, en palabras de Román Rodríguez.
Neste senso, o titular de Cultura explicou que a norma que está a tramitar o Goberno galego será o novo alicerce da política de protección, conservación, sensibilización e posta en valor en materia de patrimonio que se execute na nosa comunidade. Unha Lei máis adaptada aos requirimentos actuais, ao marco normativo internacional e á experiencia acumulada nestes anos.