Nova: BalletNorte estrea na Coruña o espectáculo Atlántica, unha homenaxe aos poetas do Rexurdimento

17/09/2015

BalletNorte estrea na Coruña o espectáculo Atlántica, unha homenaxe aos poetas do Rexurdimento

Está coproducido polo Centro Coreográfico Galego e simboliza á vez a especial relación de Galicia co mar

  • Atlántica Atlántica

A Coruña, 17 de setembro de 2015.- A compañía galega de danza BalletNorte, baixo a dirección do coreógrafo Juan Miguel Hernández, estrea no Teatro Colón da Coruña 'Atlántica', un espectáculo realizado en coprodución co Centro Coreográfico Galego co que se rende homenaxe aos autores do Rexurdimento. 

‘Atlántica’, con música orixinal de Ismael Berdei, estrearase mañá as 20.30 horas, despois de varios meses de traballo conxunto entre o compositor e o coreógrafo coas bailarinas e bailaríns que asumen a interpretación nun espazo escénico con contidos audiovisuais deseñados por Pixel Films. Silvana Sestelo, Julia Méndez, Ailén Ramos, Juan M. Hernández, Miguel A. Ponte, Rosalía Vázquez, Iago Alonso, Dyron Valdés, Fernando Piñeiro, Noemi Trincado, Paula Ripol, Yolanda Pérez, Lidia González e Luisa Isabel Vázquez son os nomes que compoñen o elenco.

Próximas funcións no Salón Teatro
A peza realizou a súa preestrea o pasado 5 de xuño no Auditorio Municipal Gabriel García Márquez de Mera (Oleiros) e estará os próximos 21 e 22 de outubro no Salón Teatro de Santiago.

Materialízase así o resultado do contrato asinado entre BalletNorte e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), co que rematou o proceso de licitación pública convocado no pasado mes de novembro para ofrecerlles ás compañías privadas galegas a posibilidade de coproducir unha montaxe a través da unidade de produción de danza da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Recreación neoclásica
Trátase dunha recreación de estilo neoclásico, inspirada nos poetas do Rexurdimento literario galego e como homenaxe á súa achega á nosa cultura. A través dunha visión contemporánea, a obra busca facerlles partícipes aos espectadores de soidades, temores, amores e desamores, tomando como punto de partida un fragmento da novela de Manuel Murguía ‘La mujer de fuego’.

Ao tempo, o título ‘Atlántica’ fai referencia á importancia que o mar ten para Galicia, tanto como medio de vida, vínculo entre culturas e nexo de unión co continente americano debido á emigración.

Durante o período de ensaios anterior á estrea, BalletNorte recibiu asistencia por parte do Centro Coreográfico Galego en canto a análise, asesoramento, planificación e viabilidade de estratexias, tanto no relativo á xestión, financiamento e comercialización como no tocante aos aspectos artísticos.

Debut coreográfico
‘Atlántica’ é a primeira peza como coreógrafo de Juan Miguel Hernández e tamén a primeira produción de BalletNorte, compañía con sede na Coruña da que é titular Paloma Pérez Colomer. Está integrada por bailaríns e bailarinas de diferentes nacionalidades, aínda que a maior parte son de orixe galega. Todos eles posúen formación en danza clásica e contan con interpretacións neoclásicas e contemporáneas nas súas traxectorias.

Juan Miguel Hernández (Madrid, 1975) realizou estudos de danza en Madrid na Escola María de Ávila, no Real Conservatorio Profesional de Danza e na Escola de Víctor Ullate. Posúe unha ampla carreira como bailarín solista e de corpo de baile en pezas asinadas por creadores tan recoñecidos como Nacho Duato, Maurice Bêjart, William Forsyhte, Hans van Manen ou Víctor Ullate. Nos últimos anos formou parte dos elencos de pezas do Centro Coreográfico Galego, como ‘Magnificat’, de Amaury Lebrun; ‘Honey Moon’, de Toni Fabre; ‘Aínda’, de Mercedes Suárez; ou ‘Full House’, de Johan Inger.

As entradas para asistir mañá ao espectáculo están á venda a un prezo de entre 8 e 11,60 euros na billeteira electrónica www.ataquilla.com e no despacho do Teatro Colón.

Comparte