Nova: Cultura e Educación leva as propostas de lecer en galego do 'FalaRedes 2014' a sete concellos

04/07/2014

Cultura e Educación leva as propostas de lecer en galego do 'FalaRedes 2014' a sete concellos

O programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística prosegue o seu percorrido polas localidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística coas actividades Augalingua e mais Os Bolechas e o Sabichón

Tras achegar a dramaturxia na nosa lingua a preto de 2.000 persoas nas 22 vilas que visitou desde abril, a obra de teatro infantil As fabas máxicas retomará a súa xira no marco do FalaRedes en setembro
 

  • O programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística prosegue o seu percorrido polas localidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística coas actividades Augalingua e mais Os Bolechas e o Sabichón O programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística prosegue o seu percorrido polas localidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística coas actividades Augalingua e mais Os Bolechas e o Sabichón

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, comezou o mes de xullo levando as propostas de lecer en galego do FalaRedes 2014 a sete novos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

Trátase da xincana Augalingua, que hoxe chegará a Pontedeva (a partir das 16:00 horas na praia fluvial da área recreativa A Ponte), tras pasar desde o martes polas localidades de Barbadás, Avión e A Baña, onde fixo as ledicias dos nenos e nenas de 6 a 12 anos que se achegaron ás piscinas municipais dos respectivos concellos.

A segunda das actividades é o concurso Os Bolechas e o Sabichón, no que hoxe poderá participar a cativada de entre 4 e 8 anos de Caldas de Reis (ás 20:00 h no Auditorio Municipal), mañá a de Vila de Cruces (ás 19:00 h no Auditorio) e xa o domingo a de Guntín (ás 18:00 h na Casa da Cultura). Coma sempre, a entrada a este espectáculo é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.

O galego, asociado á diversión
Ambas as dúas propostas do programa FalaRedes fomentan o uso da lingua propia de Galicia entre xente miúda de xeito lúdico e divertido, amenizándolle durante estes meses as vacacións de verán.

Con Augalingua, os rapaces achéganse ao galego durante o seu tempo de lecer nas piscinas municipais ou praias fluviais dos seus municipios, onde participan en grupo nunha divertida xincana lingüística na que tamén deben superar unha serie de probas de habilidade e rapidez, ligando a imaxe do idioma á diversión e aos xogos.

Avalada polo grande éxito que colleitou esta proposta de Reverso Comunicación Cultura e Lingua o ano pasado, nesta terceira edición do FalaRedes apostouse por mantela co mesmo nome e filosofía, se ben se presenta renovada con retos diferentes a través dos que os rapaces tamén coñecerán mellor a mitoloxía galega e os seus deuses, que os porán en máis dun apuro.

Ata o próximo 1 de agosto, Augalingua chegará a 20 novas localidades da RDL, de xeito que, tras as citas desta semana, a xincana lingüística visitará Pontecesures, Mesía, Toques, Vedra, Cerdedo, Abegondo, Cotobade, Sobrado, O Pereiro de Aguiar, Lobios, Porqueira, A Pontenova, A Peroxa, A Pobra do Brollón, Sober e Carballedo.

Pola súa banda, no concurso-teatro progatonizado pola familia Bolechas os bonecos Braulio e Loli enfróntanse como líderes de senllos equipos e piden ao público que lles axude a venceren, de forma que os nenos e nenas demostran as súas habilidades lingüísticas e aprenden novas palabras en galego da man dos seus personaxes favoritos, todo un referente positivo para eles estreitamente asociado á nosa lingua.

Esta proposta de monicreques de Bolanda Edicións, que causa furor alí por onde pasa enchendo as salas de todas as vilas que visita, chegará ata finais de mes a Abegondo, A Cañiza, Celanova, Rois, Outeiro de Rei, Castro de Rei e Quiroga.

As fabas máxicas volve en setembro
Mentres que Augalingua e Os Bolechas e o Sabichón proseguen coas súas respectivas xiras polos concellos da RDL no marco de FalaRedes, quen vai facer un alto no camiño durante o verán será o espectáculo teatral As fabas máxicas, que tras achegar con grande éxito a dramaturxia en galego a preto de 2.000 persoas desde o pasado mes de abril volverá percorrer Galicia a partir de setembro.

Caramuxo Teatro conquistou o público infantil-familiar coa súa nova versión do coñecido conto Xan e as fabas máxicas, unha peza de coidada estética na que o humor, a emoción e a palabra van da man. Dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos de idade, As fabas máxicas é un espectáculo contado en primeira persoa, no que o propio Xan narra a súa sorprendente historia coa axuda duns simpáticos monicreques. En setembro poderán gozar dela os concellos de Cabana de Bergantiños, Outes, Santiago de Compostela, Curtis, Dumbría e Toques grazas á colaboración da Deputación da Coruña.

150 sesións ata finais de ano
Ata finais de ano, FalaRedes 2014 chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da Rede de Dinamización Lingúística a través de cinco actividades con 150 sesións, reforzando así a súa oferta de ocio na lingua propia de Galicia.

Xunto con Augalingua, Os Bolechas e o Sabichón e As fabas máxicas, completan a programación desta terceira edición do programa o concerto de fados Os sons do vento que pasa, que a próxima semana retoma a súa itinerancia pola RDL, e o concerto infantil Toc Toc, que xa concluíu unha exitosa xira na que máis de 5.000 persoas gozaron coa música en galego de Pablo Díaz e a súa banda.

Toda a información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.
 

Comparte