Nova: Encontro aberto en TRC Danza de Mónica Runde, creadora clave na historia da danza contemporánea

23/09/2015

Encontro aberto en TRC Danza de Mónica Runde, creadora clave na historia da danza contemporánea

A Fundación Luis Seoane acollerá esta sesión, aberta de xeito gratuíto a todos os interesados, co obxectivo de avanzar na divulgación da danza actual entre o público

A Coruña, 23 de setembro de 2015.- A bailarina e coreógrafa madrileña Mónica Runde, directora da compañía 10&10 Danza, manterá mañá na Fundación Luis Seoane da Coruña un encontro aberto ao público, no que abordará a súa propia traxectoria á vez que trazará unha panorámica sobre os últimos 30 anos de danza en España. Esta actividade, que conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Centro Coreográfico Galego, forma parte do Proxecto de Programación Expandida do TRCDanza, o ciclo estable de danza do Teatro Rosalía Castro da Coruña.

O obxectivo é achegarlles a danza actual á cidadanía en xeral e nomeadamente a determinados colectivos específicos, en colaboración cos artistas que compoñen a carteleira anual de TRCDanza, mediante accións especialmente deseñadas con eles, máis alá das actuacións desenvolvidas no teatro.

Mónica Runde, Premio Nacional de Danza do Goberno de España en 2000 e Premio Nacional de Costa Rica en 2004, representará ao día seguinte a súa última creación coreográfica con 10&10 Danza: 'Episodios Temporada 25'. A función será o xoves 25 de setembro ás 20:30 horas no escenario do Rosalía.

Prácticas escénicas de danza
'Abrir un encontro con Mónica Runde' inicia a segunda temporada de actividade para 2015 do Proxecto Programación Expandida, que continuará a desenvolverse ata o mes de decembro coa participación de artistas de compañías como Danza Mobile, Spin Off Danza, Dantzaz Kompainia ou Sólodos. Dentro do mesmo programa, o Auditorio do Fórum Metropolitano acolleu onte unha práctica escénica con Rut Balbís e Laura Villaverde dirixida especificamente a maiores de 60 anos, en tanto que esta mesma tarde terá lugar outra iniciativa similar na biblioteca de Los Rosales, desta volta centrada en menores (a partir de 8 anos) acompañados por adultos.

Na cita de mañá, de acceso gratuíto, proponse unha sesión informal para charlar, escoitar e reflexionar ao carón dunha das figuras clave da historia da danza en España, o que permitirá aos asistentes, ademais, coñecer de primeira man os intereses artísticos dunha artista do talle e da experiencia de Runde, creadora de de máis de corenta pezas coreográficas.

Comparte