Nova: Galicreques 2015 amosará en Santiago os espectáculos de marionetas de 19 compañías

24/09/2015

Galicreques 2015 amosará en Santiago os espectáculos de marionetas de 19 compañías

Formacións galegas e doutros puntos de España e do estranxeiro comparten unha carteleira que se completa con obradoiros formativos e outras actividades de divulgación

Desenvolverase do 26 de setembro ao 4 de outubro en distintos escenarios e espazos abertos de Compostela

  • Galicreques 2015
  • O Galicreques é un dos nove eventos que resultaron beneficiarios este ano da convocatoria pública de axudas a festivais de artes escénicas O Galicreques é un dos nove eventos que resultaron beneficiarios este ano da convocatoria pública de axudas a festivais de artes escénicas

Santiago, 24 de setembro de 2015.- O XX Festival Internacional de Títeres Galicreques desenvolverase entre o 26 de setembro e o 4 de outubro en Santiago de Compostela cunha variada carteleira dedicada por completo ao teatro de bonecos realizado por unha selección de 19 compañías galegas e de fóra de Galicia. A nova edición deste encontro conta co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde, o Galicreques é un dos nove eventos que resultaron beneficiarios este ano da convocatoria pública de axudas a festivais de artes escénicas, concedidas para a dinamización deste tipo de iniciativas como factor estratéxico para o desenvolvemento do sistema teatral galego. En concreto, Galicreques 2015 percibirá 19.616 euros para o seu financiamento.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe no Concello de Santiago na rolda de prensa sobre os contidos desta nova entrega do Galicreques xunto a Jorge Rey, director artístico do Festival; e Silvia Modia, directora en funcións do Auditorio de Galicia.

Distinción a Viravolta
Na súa intervención, Sutil destacou o labor continuado do Festival pola promoción e dignificación do teatro de marionetas, así como o seu valor para a creación e mantemento de públicos, ao ofrecer numerosas funcións de rúa e propostas para todas as idades.

O director da Agadic detívose especialmente en dúas cuestións concretas do programa deste ano, como son a elevada presenza de espectáculos producidos en Galicia por Cachirulo, Pinga Teatro, Galitoon, A Xanela do Maxín, Velaivai, Fantoches Baj, Alakrán, Larei Lará, Liebre de Marzo, A Illa dos Nenos... e o recoñecemento que se brinda á compañía Viravolta, galardoada co Premio Galicreques 2015, como promotora do Museo da Marioneta que na actualidade alberga o Pazo de Liñares de Lalín.

A programación escénica, que se levará a cabo no Teatro Principal, Fundación SGAE, Bar Embora e Zona C, atoparase tamén co público desde enclaves ao aire libre como o paseo central da Alameda ou as prazas do Toural ou Praterías.

Funcións escolares
A carteleira de espectáculos complétase con outras actividades de difusión e formación arredor do teatro de bonecos, como son nove funcións específicas para centros escolares, un taller de anatomía teatral, dous obradoiros de construción de marionetas de distintas técnicas e as exposicións tituladas ‘Os monicreques e a arte. Marionetas inspiradas en Picasso e Miró’, instalada na Biblioteca Ánxel Casal; ‘Monicreques de dedo. Carmen Domech’, que ocupará a Fundación SGAE; e ‘A casa dos Galicreques’, que poderá visitarse na Regadeira de Adela.

O calendario de representacións comezará esta fin de semana coa compañía valenciana Teatro La Estrella, que ofrecerá as montaxes ‘Jugo de juguetes’ (sábado 26) e ‘Los tres cerditos’ (domingo 27 e luns 28). O resto de grupos e espectáculos presentes en Galicreques 2015 son La Gotera de Lazotea (Andalucía) con ‘La gallina churra’, Julia Sigliano (Arxentina) con ‘El mundo de Dondo’, Xarop Teatro (Valencia) con 'Los primeros burritos’, Títeres Larderos (Castela-A Mancha) con ‘Sapo y Sepo en abstracto’, Plansjet (Bélxica) con ‘La danza de las marionetas’, Manu Mansilla (Arxentina) con ‘Títeres a cielo abierto’, Teatro de Títeres Anticostumbrista (Arxentina) con ‘Cóctel’, Galitoon (Galicia) con ‘Güela-güela’, Teatro de Ilusiones Animadas (Arxentina) con ‘Bruno Estampilla’, Vagabundo Títeres (Chile) con ‘Don Faustino’, Títeres Cachirulo (Galicia) con ‘Xeado de lúa’, Monicreques Larei Lará (Galicia) con ‘Brancaneves e os 7’, Títeres Alakrán (Galicia) con ‘Barriga Verde ataca de novo’, A Illa dos Nenos (Galicia) con ‘Uxío no país de Patadecabra’, Tactilicüa y República Tóxica (Cataluña) con ‘Puppet Pro’, La Liebre de Marzo (Galicia) con ‘El último cuento que me contó mi padre justo antes de salvar el mundo’, Pinga Teatro (Galicia) con ‘A bruxa Maruxa’ e Xarop Teatro (Valencia) con ‘Cuentos del Cielo’.

Comparte