Nova: Espazos Sonoros achégase ás frautas antigas e aos seus repertorios no mosteiro de Oseira

25/09/2015

Espazos Sonoros achégase ás frautas antigas e aos seus repertorios no mosteiro de Oseira

O festival leva a San Cristovo de Cea un obradoiro de música antiga no que participarán a frautista Ilse Strauss-Weisz e o laudista Wolfgang Praxmarer

Santiago de Compostela, Silleda, O Barco, Forcarei, Baiona, Bueu e Pontevedra serán os próximos escenarios desde ciclo de música que convida á descuberta do patrimonio histórico

Santiago, 25 de setembro de 2015.- As frautas de bico e os seus repertorios serán  protagonistas da nova sesión do ciclo de música e patrimonio Espazos Sonoros da Consellería de Cultura e Educación, que mañá sábado chegará ao mosteiro de Oseira, no concello ourensán de San Cristovo de Cea, cun obradoiro de achegamento á música antiga no que poderán participar as persoas inscritas.

Moderado polo músico e investigador Andrés Díaz, e coa presenza –xunto con reputados músicos galegos especialistas no instrumento– da frautista austríaca Ilse Strauss e do laudista e xornalista musical Wolfgang Praxmarer, o obradoiro, que comezará ás 16:30 horas, ofrecerá un paseo pola historia da frauta de bico e os seus repertorios, ao tempo que se exemplificarán os contidos mediante a proxección de representacións iconográficas e a interpretación dun conxunto de frautas de diferentes modelos, épocas e construtores. Como complemento ao obradoiro, Ilse Strauss ofrecerá un pequeno concerto que fará un percorrido por cinco séculos de música, desde a Idade Media ata o Barroco.

O obradoiro de achegamento á música antiga, que chega á súa quinta edición no marco de Espazos Sonoros, escolle desta volta un espazo de grande interese como é o antigo refectorio do mosteiro de Oseira, unha dependencia que data do século XVI e que foi reconstruída hai algunhas décadas ao quedar arruinada durante o proceso de abandono que sufriu o mosteiro logo da desamortización, no século XIX. Previamente á realización do obradoiro, as persoas inscritas na actividade terán ocasión de participar nunha visita guiada polo mosteiro, para coñecer a igrexa, os claustros, a botica ou a antiga sala capitular, xunto con outras dependencias do conxunto monacal.

Promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, baixo a dirección artística de Belén Bermejo, o festival de música e patrimonio Espazos Sonoros 2015 continúa a vindeira semana a súa singular programación de concertos e actividades –iniciada o pasado 13 de setembro– para a descuberta de valiosos lugares do patrimonio galego.

Conversa con Tunde Jegede e Diana Baroni
O sábado 3 de outubro, ás 19:00 horas, o ciclo convida a conversar e escoitar ao vivo dúas carismáticas personalidades de a cabalo entre dous mundos, o da música tradicional e de raíz, e o da música máis académica, como son o compositor e músico especializado no instrumento kora Tunde Jegede e unha das máis destacadas intérpretes de frauta traveseira, Diana Baroni. Os dous serán os protagonistas da actividade ‘Escoitas arredor de...’, que terá lugar ás 19:00 horas na cafetería do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, e que estará conducida pola xornalista Anxo Quintela.

Estes dous artistas conflúen nun proxecto arredor das culturas afroamerindias e a súa mestizaxe coa música europea levada ao novo continente polos primeiros conquistadores, que centrará a xornada do domingo 4 de outubro. Ese día, ás 18:00 horas, La Macorina, con Jegede e Baroni, acompañados por Alfonso Pacín (guitarra e violín) e Rafael Guel (viola de man e percusións), ofrecerá un concerto no mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, no concello de Silleda.

Previamente, ás 15:00 horas, realizarase unha ruta a pé polo carreiro do Deza, na que poderán participar as persoas que se inscriban previamente a través do enderezo electrónico actividades@espazossonoros.org. O prazo de inscrición para a actividade, que conta con 70 prazas, estará aberto ata o 30 de setembro.

 

Novos encontros coa música e o patrimonio

Os mosteiros de Oseira, Carboeiro, Aciveiro, o Museo Massó, a ruta das Neveiras de Forcarei ou a pegada de Lugrís na vila de Bueu son algúns dos escenarios e actividades que ofrecerá Espazos Sonoros ata o vindeiro 28 de outubro, xunto coas actuacións musicais, entre outros, de Herbens Consort, Joel Frederiksen, Quinteto Egeria e Óscar Ibáñez trío. A programación completa de Espazos Sonoros poden consultarse en www.cultura.gal e www.espazossonoros.org.

Todos os concertos de Espazos Sonoros son de balde, con entrada libre ata completar a capacidade. Nas actividades con prazas limitadas é imprescindible a inscrición previa nas datas establecidas.

 

Comparte