Nova: Curtocircuíto debaterá no CGAC sobre os novos modelos de distribución audiovisual e o papel de internet
28/09/2015
Curtocircuíto debaterá no CGAC sobre os novos modelos de distribución audiovisual e o papel de internet
Será o escenario desta xornadas, nas que participarán os representantes de catro das plataformas de distribución máis importantes de Europa: Agência da Curta Metragem, Festivalscope, Doc Alliance e Shortfilmdepot
Estas dúas sesións fanse en colaboración coa Agadic, que se enmarca no programa formativo 'Galicia Profilme', a través do que o festival compostelán incorpora os días 8 e 9 de outubro un encontro profesional arredor das novas canles de circulación do cinema e o vídeo
Santiago, 28 de setembro de 2015.- Os novos modelos de distribución audiovisual e o papel de internet neste ámbito centrarán dúas sesións de debate organizadas polo Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela Curtocircuíto co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Esta colaboración enmárcase, á súa vez, no programa Galicia Profilme que a Axencia da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén desenvolvendo co obxectivo de ampliar a oferta de formación continua dirixida aos profesionais da industria audiovisual galega.
Nestas dúas xornadas, que terán lugar os días 8 e 9 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), debaterase sobre as novas plataformas de circulación de cinema e vídeo, ao tempo que se proporá un diálogo aberto entre os promotores destas canles e os profesionais do sector.
Con este obxectivo, contarase coa presenza en Compostela dos representantes de catro das plataformas máis importantes de Europa que, á súa vez, ofrecen unha panorámica dos distintos modelos que están a redeseñar o sistema de distribución dos produtos audiovisuais: Salette Ramalho, da Agência da Curta Metragem (Portugal); Cristina Lliteras Llompart, de Festivalscope (Francia); Jana Ptackova, de Doc Alliance (República Checa); e Julien Westermann, de Shortfilmdepot (Francia). Moderará o debate María Yáñez, xornalista galega especializada en novas linguaxes e narrativas da web e nas posibilidades de distribución e promoción audiovisual na rede.
Inscrición
A asistencia a estas sesións, que se desenvolverán en horario de 12.00 a 14.00 horas, é gratuíta, previa inscrición en liña a través do web de Curtocircuíto no enderezo http://www.curtocircuito.org/es/actividad-6/.
A duodécima edición do Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela terá lugar do 6 ao 11 de outubro en diferentes espazos da cidade, incrementando este ano o volume de actividades paralelas ao programa de exhibición dos 40 filmes en competición oficial, dos que 19 son estrea en España, e demais seccións paralelas.
Así, amais das xornadas 'Modelos de distribución: converxencias en internet', Curtocircuíto ofrece encontros cos dous cineastas homenaxeados este ano, Jørgen Leth e Aki Kaurismäki; obradoiros con Oliver Laxe, Marta Verde e a produtora Illa Bufarda; e os concertos de Moon Duo e Fumaça Preta, entre outras citas.