Nova: Nova ruta rosaliana a través dos libros e escritos de Sixto Seco
30/09/2015
Nova ruta rosaliana a través dos libros e escritos de Sixto Seco
Unha exposición bibliográfica na Biblioteca de Galicia afonda na vinculación do intelectual e galeguista coa figura de Rosalía de Castro
Realizada a partir dunha escolma dos fondos da colección do doutor santiagués, a mostra inclúe 80 pezas, entre as que destacan diversos manuscritos
Santiago, 30 de setembro de 2015.- ‘Rosalía de Castro na biblioteca de Agustín Sixto Seco’ é o título baixo o que se presenta a nova exposición da Biblioteca de Galicia, unha mostra que afonda na presenza da escritora nos fondos da colección do médico e galeguista que se custodia na Biblioteca de Galicia.
A relación de Sixto Seco coa figura de Rosalía de Castro, a través dunha escolma dos fondos que conforman a súa biblioteca o arquivo persoal do intelectual e galeguista, é o eixo central desta mostra. “Con ela propoñemos unha simbólica nova ruta rosaliana polos lugares de Rosalía de Castro nos andeis de Sixto Seco, unha paisaxe de letras cargada de afecto, de admiración e tamén de estudo e de afondamento na súa obra”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de presentación da exposición, que se poderá visitar Cidade da Cultura ata o vindeiro 30 de outubro.
“Se ben Rosalía é unha figura universal, da que todos temos unha imaxe e unha personalidade construída, Agustín Sixto Seco mirouna con outros ollos e, desde a súa ollada de médico, admirouna profundamente, como demostrou nos feitos da súa vida e nos escritos e estudos que nos legou”, asegurou Anxo Lorenzo, que tamén puxo en valor a súa implicación na salvagarda da figura da escritora, “como referente na construción cultural e lingüística dunha Galicia con identidade propia”.
Novo achegamento a Rosalía e Sixto Seco
Na súa intervención, convidou a todos os galegos e galegas, e a todos os que visitan a Cidade da Cultura, a que se acheguen a coñecer “esta escolma dos lugares de Rosalía de Castro polos que transitou Sixto Seco”, que cualificou como “unha boa proposta para descubrir algo máis sobre Rosalía e tamén sobre o doutor Sixto Seco, que promoveu ao longo de toda a súa vida a cultura e a lingua galegas”.
As 80 pezas que conforman a exposición bibliográfica proceden todas elas da colección Agustín Sixto Seco, depositada na Biblioteca de Galicia, en réxime de comodato, pola familia do intelectual, que tamén participou no acto. Na súa representación interviu unha das fillas de Sixto Seco, Marié Sixto. A presentación da mostra, que se completou cunha visita guiada, congregou diversas personalidades do ámbito cultural galego, entre elas o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e a padroeira da Fundación, Ana María Blanco. Tamén asistiron a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal, e persoal da subdirección que realizou o proxecto expositivo.
Diversos manuscritos
A exposición amosa unha selección dos fondos da colección que teñen que ver coa figura de Rosalía de Castro. Nela destaca unha primeira edición de ‘Follas novas’ e diversos manuscritos do propio Sixto Seco sobre a figura da escritora, como “Os médicos na vida e na obra de Rosalía”, “Rosalía, 100 anos despois: algunhas consideracións médico-antropolóxicas” ou o relatorio ‘Achegamento médico-antropolóxico á personalidade de Rosalía’, prensentado ao Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu Tempo, que tivo lugar en Santiago de Compostela no ano 1985.
Acompañan estas pezas dous retratos de Sixto Seco realizados polos pintores Nolo e Masito, fotografías, música e recortes de prensa, entre outros materiais.
A colección Agustín Sixto Seco
Agustín Sixto Seco formou parte ao longo da súa vida de numerosas iniciativas culturais galegas, entre elas, a presidencia do Padroado da Fundación Rosalía de Castro, a presidencia da Fundación Otero Pedrayo e a dirección da editorial SEPT, ademais de ser padroeiro de entidades culturais como o Museo do Pobo Galego, a Fundación Penzol e a Fundación Alfredo Brañas. Este labor e o seu interese persoal fixo posible recompilar unha extensa biblioteca con todo tipo de materiais e temática relacionada coa cultura galega, que se custodia actualmente na Biblioteca de Galicia.
En 2014, a Consellería de Cultura e Educación asinou coa familia de Agustín Sixto Seco o contrato de constitución do comodato do fondo bibliográfico e documental do médico e intelectual, para a súa custodia e difusión na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
Formada por máis de catro mil volumes, a biblioteca de Sixto Seco abrangue desde importantes publicacións dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, especialmente de Galaxia, ata fondos americanos procedentes da emigración galega, mentres que o arquivo destaca polo interese e importancia do amplo número de documentos que o conforman –cartas, conferencias, discursos, entrevistas, artigos xornalísticos e notas do intelectual–, así como polas súas características, testemuñas do desenvolvemento da sociedade galega ao longo do século XX. Boa parte deste valor débese á relación de Sixto Seco coas principais figuras da cultura galega, nacionais e internacionais da súa época.