Nova: A Consellería de Cultura e Educación presenta o curso de iniciación á navegación tradicional que se impartirá no museo Massó de Bueu os próximos 12 e 13 de xullo

05/07/2014

A Consellería de Cultura e Educación presenta o curso de iniciación á navegación tradicional que se impartirá no museo Massó de Bueu os próximos 12 e 13 de xullo

A aprendizaxe está dirixida a persoas maiores de 14 anos e se realizará en bote xeiteiro, traiñeira e dorna

Bueu (Pontevedra), 5 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Museo Massó, colabora coa asociación de amigos das embarcacións tradicionais 'Os Galos' de Bueu na organización do curso de iniciación á navegación tradicional que se realizará en bote xeiteiro, traiñeira e dorna.

O curso, dirixido a persoas maiores de catorce anos, comezará o vindeiro sábado día 12 de xullo e rematará o domingo 13. O custe da matrícula é de dez euros e o número de prazas, que se cubrirá por rigorosa orde de inscrición, estará limitado a 15 persoas. Os interesados deberán chamar ao teléfono 986 321 838 –entre as 10.00 e as 20.00 horas de martes a sábado e entre as 10.00 e as 14.00 horas os domingos e festivos–, ou poñerse en contacto por correo electrónico con museo.masso@xunta.es.

Ademais deste curso, o vindeiro xoves 10 de xullo as 12.00 horas levarase a cabo o obradoiro de verán ‘Mensaxe nunha botella’. A actividade será gratuíta e está dirixida a nenos e nenas de ente 6 e 10 anos.
 

Colección permanente
Ademais do curso, o Museo Massó conta cunha exposición permanente baseada na temática da conquista do mar e da explotación dos seus recursos. Entre os elementos que a conforman destacan o mobiliario da clínica da fábrica de conservas Massó de Bueu, a colección sobre o deseño e a tipoloxía de envases –na que destaca a obra de Federico Ribas–, gravados do século XVII sobre a caza da balea, mascaróns de proa, documentos e libros relacionados cos corsarios, un diario de navegación dunha expedición comandada por Blas de Lezo, así como unha serie de libros incunables, entre outras pezas.

As orixes do museo
A orixe das coleccións do Museo Massó retrotráese a primeiros do século XX, grazas ao labor coleccionista dos Massó, unha familia catalá que asentou en Galicia a comezos do XIX para a explotación da industria pesqueira galega. Particularmente, José María e Gaspar recompilaron unha interesante colección de obxectos relacionados co mar e unha completa colección de libros. Este sería o xermolo dun museo de natureza privada que se instalaría no antigo edificio da fábrica conserveira familiar e que foi inaugurado en 1932 por idea de Guillermo Marconi (Nobel de Física en 1909) quen, en 1928, visitou Bueu e quedou impresionado pola colección.

No Museo Massó convive o patrimonio marítimo e o industrial co espírito erudito do coleccionismo doutra época. O seu carácter peculiar reside no feito de que é froito das inquedanzas culturais dos citados industriais conserveiros. O seu interese pola navegación levounos a crear unha colección única de libros impresos entre os séculos XV e XIX, manuscritos, instrumentos náuticos, cartografía, documentos e maquetas de embarcacións históricas, que constitúen a alma desta colección. Co tempo, a actividade pesqueira e os testemuños das factorías conserveira e baleeira foron completando o perfil dun museo único e sorprendente que aínda mantén o encanto da colección orixinaria.

Comparte