Nova: Venres nas librarías regresa con máis de 80 encontros con escritoras e escritores para fomentar o libro e a lectura

01/10/2015

Venres nas librarías regresa con máis de 80 encontros con escritoras e escritores para fomentar o libro e a lectura

Pedro Feijoo, María Reimóndez, Afonso Eiré, Sérgio Tannus e Xesús Constela son algúns dos autores que participan na segunda edición do programa, promovido polas consellerías de Cultura, Economía e Industria, xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores

As actividades, centradas nas novidades editoriais, realizaranse nun total de 17 librarías das catro provincias galegas os venres e sábados de outubro e novembro

  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, presentaron en rolda de prensa o programa 'Venres nas librarías" O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, presentaron en rolda de prensa o programa 'Venres nas librarías"
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, presentaron en rolda de prensa o programa 'Venres nas librarías" O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, presentaron en rolda de prensa o programa 'Venres nas librarías"
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, presentaron en rolda de prensa o programa 'Venres nas librarías" O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, presentaron en rolda de prensa o programa 'Venres nas librarías"

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2015.- A nova edición do programa Venres nas librarías, promovido polas consellerías de Cultura e Educación, e de Economía e Industria, xunto coa Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia, ofrecerá máis de 80 actividades este ano, durante as fins de semana de outubro e de novembro, para promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos.

Un total de 17 librarías das catro provincias serán o lugar de encontro de público lector, de libreiros e libreiras e de escritores e escritoras para dar a coñecer as novidades editoriais galegas a través de diferentes propostas. A programación da nova edición foi presentada hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez; pola presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; e polo editor Miguel Toval, en representación da AGE, nunha rolda de prensa que tivo lugar na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela.

Encontros entre autores e lectores
Segundo explicou o secretario xeral de Cultura, do 2 de outubro ata o 28 de novembro, as librarías converteranse nun espazo de encontro dos lectores e lectoras con escritores galegos que publicaron algunha obra no último ano. Nomes como os de Xesús Constenla, Afonso Eiré, Sérgio Tannus, Pedro Feijoo, María Reimóndez, Suso Lista e Andrea Barreira, entre outros, darán a coñecer os seus novos títulos a través de charlas, lecturas dramatizas e poéticas, presentacións musicais e, sobre todo, con propostas nas que se promoverá a participación activa de público de todas as idades.

Xunto coas editoriais e os escritores e escritoras, as librarías xogan un papel central neste programa. E é que, como afirmou Anxo Lorenzo durante a presentación do programa, “un dos nosos obxectivos principais é reforzar o seu papel como axentes esenciais na consolidación do tecido cultural da sociedade galega”. En outubro e novembro deste ano, ‘Venres nas librarías’ chegará aos concellos de Vigo, Ourense, Lugo, Moaña, Santiago de Compostela, A Coruña, Narón, Foz, Lalín, Cee e Sanxenxo a través de encontros en librarías como Trama, Aenea, Nós, Couceiro, Káthedra, Cartabón, O Pontillón, Andel, Andel, Suévia, Day, Pedreia, Bahía, Librouro, Vagalume e Ler.

Os máis novos, protagonistas dos sábados
Como novidade nesta segunda edición, a programación ampliarase tamén aos sábados, con actividades dirixidas ao público máis novo e que xirarán arredor de obras como ‘O valente coello que quixo soñar’, de Miguel Ángel Alonso, publicado por Nova Galicia Edicións; ‘Alegría!’, de Sérgio Tannus, ‘Unha viaxe polo mundo’, de Maimiñas, ou ‘Un conto do revés’, de Fran Amil, editados por Galaxia.

#andeldoagasallo, o libro galego tamén nas redes
Estes encontros cos libros en galego dos venres e sábados non só se cinguirán ás librarías, senón tamén ás redes sociais, co concurso ‘Andel do agasallo’. Cada semana, as persoas que participen deberán adiviñar, mediante diversas pistas, de que libro se está a fala. O lector ou lectora que o acerte levará de agasallo ese novo título editorial.

O concurso realizarase a través das contas de Twitter @conscultura co hashtag #andeldoagasallo e de Facebook (www.facebook.com/CulturaGalegaXunta).

Novas actividades en 2016
A segunda edición de ‘Venres nas librarías’ prolongarase durante os meses de febreiro e de marzo do ano que vén, nos que se programarán novas actividades arredor das publicacións máis recentes, para achegarlle a cidadanía o libro e a lectura a través dos últimos traballos das escritoras e dos escritores galegos.

Comparte