Nova: Unha exposición recupera o legado de Xaime Isla Couto co gallo do centenario do seu nacemento

02/10/2015

Unha exposición recupera o legado de Xaime Isla Couto co gallo do centenario do seu nacemento

‘Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia’ percorre os feitos máis significativos deste economista e académico

A mostra, promovida pola Fundación Isla Couto co apoio de Cultura, pode visitarse na Casa Galega da Cultura, en Vigo, ata o vindeiro 2 de novembro

  • Anxo Lorenzo na inauguración da exposición Anxo Lorenzo na inauguración da exposición
  • Anxo Lorenzo na inauguración da exposición Anxo Lorenzo na inauguración da exposición
  • Anxo Lorenzo na inauguración da exposición Anxo Lorenzo na inauguración da exposición
  • Anxo Lorenzo na inauguración da exposición Anxo Lorenzo na inauguración da exposición

Vigo, 2 de outubro de 2015.- No mes no que se cumpre o centenario do seu nacemento, a exposición ‘Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia’ realiza un percorrido pola vida e a figura dun “home que se comprometeu firmemente co proxecto común de construír Galicia e que integrou esa vontade na súa maneira de vivir”. Así se referiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ao académico da lingua galega, economista e profesor Xaime Isla Couto durante o acto de inauguración desta mostra, que se pode visitar desde hoxe e ata o vindeiro 2 de novembro na Casa Galega da Cultura, en Vigo.

“Os fitos que inzan a vida de Isla Couto aos que hoxe podemos aproximarnos nesta mostra –promovida pola Fundación Isla Couto coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, da Editorial Galaxia e do Concello de Vigo– anímannos a reflexionar neste legado que temos e a levar azos novos para traballar, cadaquén desde o noso ámbito”, afirmou o secretario xeral.

“Unha oportunidade para aprender”
Respecto das celebracións dos centenarios e das efemérides culturais, o secretario xeral asegurou que “constitúen unha oportunidade para reflexionar sobre nós mesmos e o noso tempo, e tamén para aprender, porque o mellor desta xente que xa non está si que segue facendo parte de nós”.

Para contribuír coa divulgación da súa vida de compromiso galeguista e de activismo cultural, social e político a prol do desenvolvemento de Galicia, así como para promover o coñecemento da súa obra xornalística, ensaística e artística, a Secretaría Xeral de Cultura colabora coa Fundación Isla Couto na programación conmemorativa do centenario do seu nacemento. Xunto coa exposición, o programa de actividades tamén inclúe outras iniciativas como a fotobiografía ‘Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia’, editada por Galaxia.

Cofundador de Galaxia
Membro da Real Academia Galega, avogado, ensaísta e catedrático de universidade, Xaime Isla Couto (Santiago de Compostela, 23 de outubro de 1915 – Vigo, 25 de abril de 2012) foi un dos persoeiros fundamentais no galeguismo político, cultural e económico do século XX. Fundador da Federación de Mocedades Galeguistas, liderou, xunto con Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, en 1950, a creación da Editorial Galaxia. Tamén promoveu a editora SEPT e dirixiu a ‘Revista de Economía de Galicia’ e a ‘Revista Galega de Estudos Agrarios’. Polo seu labor recibiu distinguidos recoñecementos, como a Medalla Castelao (1987), o Premio Trasalba (1992) e a insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2001).

Comparte