Nova: O CGAC acollerá o I Encontro de Performance Cuarto Público

15/10/2015

O CGAC acollerá o I Encontro de Performance Cuarto Público

O evento, que terá lugar o 28 de novembro, contará coa participación da recoñecida artista Alicia Framis

 

  • A convocatoria do evento é o preludio da terceira edición da feira de arte contemporánea Cuarto Público, que se celebrará en 2016 A convocatoria do evento é o preludio da terceira edición da feira de arte contemporánea Cuarto Público, que se celebrará en 2016

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2015.- O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollerá o vindeiro 28 de novembro o I Encontro de Performance Cuarto Público, unha iniciativa promovida por Territorio Cultura coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que ten como principal obxectivo apoiar a produción artística actual.

A convocatoria do evento, que se presenta como o preludio da terceira edición da feira de arte contemporánea Cuarto Público –que se realizará en 2016– foi presentada esta mañá en rolda de prensa polas directoras da feira, Xulia Santiso e Paula Cabaleiro; polo director do CGAC, Santiago Olmo; e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou o interese deste encontro para lle dar visibilidade a unha disciplina de primeiro nivel no panorama artístico.

Ademais de darlle visibilidade a unha experiencia artística cada vez máis valorada, o encontro tamén favorecerá a reflexión arredor da performance. Para iso contará cunha figura de recoñecido prestixio internacional como é Alicia Framis, que ofrecerá un relatorio maxistral para lles achegar a público e artistas o seu traballo.

Para participar no encontro
O I Encontro de Performance Cuarto Público está dirixido a todos os creadores, de xeito individual ou colectivo, sen ningunha limitación de idade, nacionalidade, residencia, formación ou disciplina traballada que se queira aplicar na performance. Poden presentarse todo tipo de accións artísticas, que poidan ser realizadas en directo. A obra debe ser inédita e a temática e as técnicas son libres.

A documentación necesaria para participar debe incluír unha descrición conceptual da acción artística, imaxes, unha ficha técnica completa, os datos persoais do artista ou dos artistas, o currículo artístico resumido e un dossier de obra recente.

Premios
Entre as propostas que se presenten para participar no encontro, un xurado conformado polo director da Fundación RAC, Carlos Rosón; polo conservador xefe da Fundación Granell, Eduardo Valiña; polas directoras de Cuarto Público e polo director do CGAC seleccionará as dúas mellores accións, que recibirán cadanseu premio de 750 euros máis IVE e que se levarán a escena o propio día 28 de novembro. A resolución dos premios farase pública o 16 de novembro. 

Comparte