Nova: Espazos Sonoros leva a Baiona un recital de músicas renacentistas e barrocas do laudista Joel Frederiksen

16/10/2015

Espazos Sonoros leva a Baiona un recital de músicas renacentistas e barrocas do laudista Joel Frederiksen

A igrexa de Santa Liberata será escenario do concerto, con obras de Thomas Campion, John Dowland, Tromboncino, Willaer e Caccini, entre outros

  • Espazos Sonoros 2015

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2015.- Espazos Sonoros chegará o vindeiro domingo 18 de outubro a Baiona, nunha nova sesión deste festival de música e patrimonio promovido pola Secretaría Xeral de Cultura. A igrexa barroca de Santa Liberata acollerá, ás 20:00 horas, o concerto do cantante e laudista Joel Frederiksen, que ofrecerá  un recital de música inglesa, francesa e italiana do Renacemento e do primeiro Barroco. 

Cunha brillante carreira de concertos ao longo de todo o mundo e colaborador de prestixiosas formacións –como o Huelgas Ensemble, a Freiburger Baroque Orchestra, ou o Ensemble Gilles Binchois–, Frederiksen presentará en Baiona un concerto íntimo con obras, entre outros, de Thomas Campion, John Dowland, Tromboncino, Willaer, Biaggio Marini e Giullio Caccini, nas que se acompaña dun laúde e arquilaúde, conxunto que sorprende polo seu elevadísimo nivel de perfección e, ao tempo, de expresividade e elegancia.

O escenario da actuación será a pequena capela de Santa Liberata, situada na praza do mesmo nome, na parte alta da vila histórica de Baiona A Real. De estilo italiano bastardo con reminiscencias do toscano e algunhas mesturas do plateresco, a igrexa comezouse a construír en 1695, por subscrición popular e baixo a dirección de José Domínguez Bugarín e Marcial González.

Recoñecidos grupos e artistas internacionais, como o cantante estadounidense Joel Frederiksen, comparten cartel en Espazos Sonoros cunha mostra do mellor talento artístico galego, representado, entre outros, polo dúo de zanfona e acordeón diatónico integrado por Óscar Fernández e Carlos Quintá, que actuarán a próxima semana, o sábado 24 de outubro, ás 19:00 horas, no Museo Massó de Bueu.

 

Concertos de balde e con entrada libre
Todos os concertos de Espazos Sonoros son de balde, con entrada libre ata completar a capacidade. Nas actividades con prazas limitadas, que se poden consultar en www.cultura.gal e www.espazossonoros.org, é imprescindible a inscrición previa nas datas establecidas.

 

 

Comparte