Nova: Galicia Escena PRO incorpora un 'pitching' de proxectos escénicos como complemento á carteleira de espectáculos

15/10/2015

Galicia Escena PRO incorpora un 'pitching' de proxectos escénicos como complemento á carteleira de espectáculos

Un total de 15 compañías galegas terán a oportunidade de compartir cos acreditados neste mercado das artes escénicas as propostas artísticas nas que están a traballar

Estas presentacións, cunha duración máxima de seis minutos cada unha, terán lugar o 6 de novembro no Museo Fundación Eugenio Granell de Santiago

Santiago, 15 de outubro de 2015.- O mercado Galicia Escena PRO incorporará este ano unha sesión de presentacións en formato 'pitching' como acción promocional complementaria ao seu programa de exhibición de espectáculos. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza este encontro profesional, que celebrará a súa terceira edición do 3 ao 6 de novembro en Santiago de Compostela.

Un total de 15 compañías galegas participarán nesta sesión 'pitching', que terá lugar na mañá do venres 6 no Museo Fundación Eugenio Granell e á que están convidados todos os responsables da programación dos teatros, auditorios, salas e mostras acreditados en Galicia Escena PRO 2015. Precisamente a Agadic mantén aberto ata o vindeiro día 20 o prazo para que os axentes culturais interesados se inscriban no mercado galego das artes escénicas a través do formulario en liña dispoñible no enderezo web www.galiciaescenapro.com.

Adianto dos proxectos en fase de creación
Na acción especial do día 6, que será ademais a última das actividades programadas no marco de Galicia Escena PRO, intervirán as formacións A Guagua, Antagonista Teatro, ButacaZero, Galeatro, Culturactiva, EducaTeatro, Fantoches Baj, Lucecús Teatro, Producións Teatráis Excéntricas, Talía Teatro, Teatro da Semente, Teatro do Noroeste, Teatro SMART, Triatreros Grupo de Teatro, e Uxía e Magín Blanco. Cada unha delas terá un máximo de seis minutos para adiantarlles aos programadores os proxectos que están a preparar nestes momentos, independentemente da fase do proceso de creación ou produción –previa á súa estrea– na que se atope.

O obxectivo é reforzar a promoción da actividade escénica galega diante dos profesionais encargados de deseñar as carteleiras culturais, para os que se está a preparar, así mesmo, un amplo programa de exhibición que inclúe a representación en catro escenarios de Compostela de 14 espectáculos completos e 10 en formato 'showcase'.

Comparte