Nova: Conetcam, Cucuducho e Kolectiv reciben os III Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco

19/10/2015
Conetcam, Cucuducho e Kolectiv reciben os III Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco
Os tres galardonados recibiron un premio en metálico de 2.000 euros por parte de Correos e Sabadell Gallego e a incorporación gratuíta durante un ano ao Coworking Gaiás
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2015.- A Sala Eisenman do Gaiás acolleu a entrega dos III Premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’, galardóns promovidos pola Fundación Cidade da Cultura para poñer en marcha ideas innovadoras no mundo das industrias culturais.
Os premiados desta terceira convocatoria foron a plataforma de consumo colaborativo de equipos e servizos audiovisuais Conetcam, a liña de produtos infantís vinculados ao deseño Cucuducho e a consultoría especializada en innovación e cultura Kolectiv.
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, destacou a innovación e a creatividade dos proxectos premiados tras recordar a dura competencia que houbo nesta terceira edición dos Emprende Gaiás-Sixto Seco, que recibiu tres veces máis proxectos que na anterior edición. Deste xeito, Román Rodríguez gabou a importancia duns galardóns dedicados ao emprendemento cultural, así como a aposta decidida da Cidade da Cultura a prol do tecido empresarial do sector cultural.
De feito, o conselleiro recordou que desde a súa apertura en 2013, ao redor de 200 proxectos culturais desenvolveron a súa actividade no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, distribuídos entre o espazo de coworking, o viveiro de empresas e o espazo de crowdworking Galicia Open Future.
Ademais do conselleiro, o acto contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e dos representantes das empresas que colaboraron cos Emprende Gaiás-Sixto Seco: Ángel Pérez Pérez, director da Zona Norte de Correos; e Manuel Prol Cid, director institucional de Sabadell Gallego, que ademais foron os encargados de entregar os premios.
Cada un dos premiados recibiu un premio en metálico de 2.000 euros e incorporarase de balde e durante doce meses ao espazo de coworking do Centro de Emprendemento do Gaiás, onde recibirá apoio, asesoramento e formación durante os primeiros pasos da empresa.
Internet, deseño e xestión cultural
O xurado desta terceira edición dos ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’ decidiu outorgar o galardón na área de aplicacións informáticas relacionadas co sector cultural e proxectos culturais en internet a Conetcam, unha plataforma de consumo colaborativo para equipos e servizos audiovisuais.
O proxecto de Adolfo Ponte, Alberto Basalo e Alberto Vázquez busca poñer en contacto a propietarios de equipos audiovisuais (cámaras, focos, micrófonos…) e a usuarios que queren facer un uso puntual dos mesmos a baixo custo e cun proceso sinxelo e confiable. Conetcam busca converterse na primeira plataforma P2P no mundo que se orienta ao nicho Broadcast, seguindo o modelo de plataformas de espírito colaborativo tan populares como Blablacar, Airbnb ou crowdwlending.
Na área de deseño e creación artística e plástica no ámbito cultural, o premio ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’ recaeu na firma Cucuducho, de Lois Guillán Santamaría. Cucuducho é unha liña de produtos infantís (mobiliario, obxectos decorativos, lámpadas, xoguetes) vinculados ao deseño e con influencia na rexión onde se leva a cabo a actividade. Entre os seus obxectivos está o de traballar con produtos de provedores locais e con materiais naturais e de orixe autóctona, ademais de poñer en valor a nosa cultura.
Finalmente, na área de de xestión cultural, o premio foi para Kolectiv, unha consultoría especializada na innovación e a cultura que busca conectar ideas, persoas e coñecementos. Francisco García Quiroga é o artífice desta empresa que busca impulsar a formación no ámbito da cultural, creación de proxectos e o desenvolvemento de webs para proxectos innovadores e culturais.
Homenaxe a Sixto Seco
Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco homenaxean a figura dun promotor cultural de primeira orde como foi o médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco. Ademais do seu papel clave na medicina galega, Agustín Sixto Seco participou desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en institucións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela e o Museo do Pobo Galego.
Tras a súa morte, e biblioteca e arquivo persoal deste intelectual –integrada por máis de 4.000 volumes que abarca desde importante exemplares dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, especialmente de Galaxia, fondos americanos procedentes da emigración, abundantes obras sobre Galicia, así como de medicina ou temas históricos, relixiosos, políticos e literarios- forman parte da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.