Nova: Espazos Sonoros leva o cancioneiro instrumental galego ao Museo Massó
23/10/2015
Espazos Sonoros leva o cancioneiro instrumental galego ao Museo Massó
O dúo Fdz & Quintá reinterpreta coa súa zanfona e acordeón diatónico músicas tradicionais
A xornada completarase cunha andaina para as persoas inscritas arredor da pegada de Urbano Lugrís e dos Massó na vila de Bueu
No marco da celebración das Letras Galegas, o ciclo despedirase o 28 de outubro en Pontevedra cunha charla-concerto sobre o proxecto de recuperación da figura do gaiteiro de Campañó, a partir das gravacións históricas de Filgueira Valverde
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2015.- O ciclo Espazos Sonoros de músicas en lugares de interese cultural chega esta fin de semana á súa recta final cun concerto de Fdez. & Quintá, o sábado 24 de outubro, ás 19:00 horas, no municipio pontevedrés de Bueu.
O Museo Massó será o escenario da actuación deste dúo de zanfona e de acordeón diatónico, que reinterpreta músicas tradicionais, nomeadamente do cancioneiro instrumental galego, a través dun repertorio de muiñeiras, xotas, valses, mazurcas, polcas e foxtrots, e cancións tradicionais mariñeiras. O seu repertorio complétase con composicións orixinais e temas doutras culturas europeas que transforman o repertorio tradicional de baile nunha refinada e íntima sensación melódica.
As zanfonas históricas galegas
O Museo Massó, espazo escollido para este concerto –de entrada libre ata completar capacidade–, ademais de estar en íntima conexión coas industrias e a cultura do mar que inspiran o concerto, responde ao interese que ten a presenza, na colección do museo, dunha zanfona, probablemente do século XIX, que pertenceu á familia dos Massó. Sobre as zanfonas históricas galegas falará, como introdución ao concerto, o investigador e xornalista, Pablo Quintana.
Aproveitando o seu paso por Bueu, o festival realizará pola mañá unha xornada arredor da pegada do artista Urbano Lugrís e da familia de industriais Massó na vila pontevedresa, na que poderán participar as persoas inscritas. Durante a visita, que comezará ás 12:00 horas, percorreranse diferentes fitos que vinculan o pintor coa paisaxe da vila ao longo dunha ruta que tratará de reflectir as interdependencias existentes entre a obra de Lugrís, a vila de Bueu e as coleccións dos irmáns Massó, familia coa que Lugrís estableceu, nos anos 40, unha frutífera relación que marcará fortemente os seus inicios na pintura.
Recuperación da figura do gaiteiro de Campañó
Coincidindo coa data do aniversario de Filgueira Valverde, a quen este ano se lle dedican as Letras Galegas, o festival Espazos Sonoro clausura a súa oitava edición o vindeiro mércores, 28 de outubro, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. A partir das 20:00 horas, terá lugar a presentación do libro e a charla-concerto de presentación do proxecto que recupera as gravacións históricas da interpretación do reputado gaiteiro de Campañó da Marcha do Corpus de Pontevedra, auspiciadas no ano 1946 por Filgueira Valverde.
Xunto coa presentación do libro ‘Xan Tilve, Gaiteiro de Campañó’, editado por aCentral Folque, un concerto, interpretado coa propia gaita de Campañó por Oscar Ibáñez, que porá o broche final á oitava edición do ciclo Espazos Sonoros, dirixido por Belén Bermejo.
Todos os concertos de Espazos Sonoros son de balde, con entrada libre ata completar a capacidade. Nas páxinas web espazossonoros.org e cultura.gal pode consultarse toda a información sobre o festival.