Nova: Cinema, arquivos fotográficos e unha nova exposición centran a programación do CGAC para as vindeiras semanas

27/10/2015

Cinema, arquivos fotográficos e unha nova exposición centran a programación do CGAC para as vindeiras semanas

O Centro Galego de Arte Contemporánea acollerá desde esta semana o traballo máis recente do artista Javier Vallhonrat

  • Obra exhibida en Interaccións

Santiago, 27 de outubro de 2015.- O Centro Galego de Arte Contemporánea acollerá desde esta semana o traballo máis recente do artista Javier Vallhonrat e programa diversas actividades arredor do cinema e dos arquivos fotográficos.

De feito mañá mércores, ás 19.00 horas, dará inicio o curso de cinema ‘A orixe do século XXI. Transformación da Imaxe e do cinema contemporáneos (1990 – 2010)’ dirixido por José Manuel López.

Este curso ten como finalidade percorrer o mundo da imaxe en movemento das dúas últimas décadas analizando as transformacións que sufriu a nivel estético, narrativo, tecnolóxico e político. En todas as sesións proxectaranse escenas e analizaranse series e filmes representativos destes anos.

O curso, que consta de 250 prazas e cuxa primeira sesión estará aberta a todo o público, lugar todos os mércores ata o 11 de maio de no auditorio do CGAC.

Exposición ‘Interaccións’ de Javier Vallhonrat
A partires do xoves ás 20,00 horas abrirase ao público a exposición ‘Interaccións’ de Javier Vallhonrat (Madrid, 1953). A mostra, comisariada por Santiago Olmo, chega ao CGAC tras a súa presentación no Museo de la Universidad de Navarra e poderá visitarse ata o 31 de decembro de 2015.

‘Interaccións’ conta con 52 fotografías acompañadas de sete vídeos e unha vídeoinstalación estruturados en cinco bloques temáticos configurados coma un proxecto reflexivo sobre a experiencia na montaña, o fráxil do ser humano fronte ás condicións límites e os diferentes modos de presentar a paisaxe.

Este proxecto comezou a formarse en 2010, cando Javier Vallhonrat participou no proxecto ‘Tender Puentes’ e centrou a súa atención en dúas fotografías do macizo da Maladeta (Pirineo de Huesca) realizadas polo Vizconde Joseph Vigier en 1853. Estas fotografías actúan como un punto de partida para que Vallhonrat entenda a montaña como unha experiencia directa.

O artista traballou nestes ámbitos de meteoroloxía extrema buscando imaxes que contrapuxeran o imprevisible coa inherente necesidade humana de control, así coma fotografías que transforman a percepción dunha ameazante montaña nun lugar vulnerable.

Memoria e arquivo
Tamén a partir dos xoves e ata o 3 de novembro desenvolverase o programa ‘Memoria e arquivo’, un ciclo de conferencias arredor da investigación de diversos arquivos fotográficos nas que se aborda cómo isto permitiu o descubrimento ou a revisión do traballo de diferentes autores. Precisamente será o artista Javier Vallhonrato quen inaugure o ciclo ás 18,30 horas cunha conversa sobre súa obra co director do centro, Santiago Olmo.
 

Comparte