Nova: Homenaxe en Vigo ao Padre Seixas polo centenario do seu nacemento

29/10/2015

Homenaxe en Vigo ao Padre Seixas polo centenario do seu nacemento

Púxose en valor o seu traballo comprometido coa lingua e a cultura galegas na presentación da fotobiografía ‘O padre Xaime Seixas Subirá. Pregoeiro da irmandade (1915-2015)’, publicado pola SEPT

Vigo, 29 de outubro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia participou na cidade de Vigo no acto de conmemoración do centenario do nacemento do Padre Xaime Seixas, do que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo comprometido coa cultura e a lingua galegas deste pioneiro da liturxia en galego.

No marco da presentación da fotobiografía ‘O padre Xaime Seixas Subirá. Pregoeiro da irmandade (1915-2015)’, publicado pola editorial SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos), Anxo Lorenzo aludiu á humanidade do galeguista, sacerdote, progresista e escritor, solidario cos máis necesitados nos lugares onde levou a cabo o seu labor.

En referencia á nova publicación, de Quico Domínguez, Manuel Cabada e Silvestre G. Xurxo, o secretario xeral asegurou que “a diversidade e pluralidade de nomes que nos ofrecen nestas páxinas os testemuños e lembranza do padre Seixas falan por si sós dun home que nos deixou unha pegada fonda ao longo dunha etapa decisiva da nosa cultura e, polo tanto, da nosa historia”.

Organizado pola SEPT coa colaboración de Afundación e da Fundación Penzol, na homenaxe e presentación do libro –que tivo lugar na sala de conferencias do Centro Social Afundación– interviñeron tamén representantes de entidades e institucións como a Real Academia Galega e a Diocese de Tui-Vigo.

Comparte