Nova: Cultura e Educación convida a Talabarte, Samuel Diz e Sinestesia para poñerlle música ao ‘Atardecer no Gaiás’

07/07/2014

Cultura e Educación convida a Talabarte, Samuel Diz e Sinestesia para poñerlle música ao ‘Atardecer no Gaiás’

O proxecto folk de Quim Fariña, Pedro Pascual e Kin García será o encargado de arrancar a semana este xoves ás 21 horas na praza central da Cidade da Cultura

Samuel Diz homenaxeará a Juan José Mantecón o venres a través do seu ‘Atardecer para guitarra’ e o sábado será a quenda do rock de Sinestesia
 

  • Samuel Diz Samuel Diz
  • O trío Talabarte O trío Talabarte
  • A banda compostelá Sinetesia A banda compostelá Sinetesia

Santiago, 7 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria combinará folk, guitarra clásica e rock para animar as tardiñas deste xoves, venres e sábado. Na segunda semana de ‘Atardecer no Gaiás’, a praza central da Cidade da Cultura acollerá, a partir das 21:00 horas e totalmente de balde, as actuacións do trío Talabarte, Samuel Diz e a banda compostelá Sinestesia.

Tras a estrea a cargo de Sensacional, a Orquestra de Cámara Galega e Grampoder, este xoves, 10 de xullo, chega ao Gaiás o trío folk Talabarte, a nova proposta musical de Quim Fariña, Pedro Pascual e Kin García.

Neste proxecto, tres dos músicos indispensables da escena musical galega propoñen unha viaxe a través das músicas populares de Galicia e doutras latitudes xunto a composicións propias. Todo aliñado con distintos enfoques estéticos que van desde a linguaxe do jazz pasando polo tango ata a tradición musical europea. Contemporaneidade e tradición, xuntas nun concerto diferente, sen deixar de mover os pés nin deixar indiferentes aos sentidos.

Estrea de Samuel Diz
O venres, 11 de xullo, a praza central do Gaiás será o escenario elixido por Samuel Diz para estrear o seu inédito ‘Atardecer para guitarra’. O coñecido guitarrista galego reivindicará a figura do músico Juan José Mantecón (Vigo, 1895- Madrid, 1964), un dos integrantes do denominado ‘Grupo de los Ocho’, que en novembro de 1930 ofreceron na madrileña Residencia de Estudiantes un concerto único no que buscaron unha nova linguaxe artística a partir da forte pegada que Manuel de Falla e Federico García Lorca imprimen na súa personalidade.

Samuel Diz, que vén de publicar a súa investigación ‘Guitarra clásica galega’ co selo Ouvirmos, renderalle unha homenaxe a esta figura “inxustamente esquecida” ao tempo que nos proporcionará un ‘Atardecer’ único e inesquecible.

Sábado de rock

Para rematar a semana, a Cidade da Cultura contará coa presenza de Sinestesia. Un grupo que vai o blues de Chicago á psicodelia dos sesenta de Hendrix ou The Doors pasando por suaves matices de jazz, soul e a mellor canción de autor estatal de tradición rockeira. A banda compostelana chega a ‘Atardecer no Gaiás’ co seu primeiro disco baixo o brazo, cheo do mellor rock actual.

 

Servizo especial de bus urbano
Todos os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ teñen lugar na praza central da Cidade da Cultura a partir das 21:00 horas e a entrada é de balde. Cunha duración entre 60 e 90 minutos, os asistentes a ‘Atardecer no Gaiás’ poden baixar ata o centro de Santiago ao finalizar os concertos grazas a un servizo especial do autobús urbano C11: os xoves e venres sae do Gaiás ás 22:45 e os sábados e festivos ás 22:50.
 

Comparte