Nova: Ourense acolle o I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia
30/10/2015
Ourense acolle o I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia
A iniciativa, dirixida a produtoras na procura de socios estratéxicos para os seus proxectos cinematográficos e televisivos, terá lugar o 20 de novembro no marco da vixésima edición do OUFF
O vindeiro mércores 4 pecharase o prazo para que as compañías soliciten a súa participación neste evento, que incluirá unha sesión de 'pitching' e roldas de reunións bilaterais
Santiago, 30 de outubro de 2015.- Os cinemas galego e portugués estreitarán lazos o vindeiro 20 de novembro en Ourense, onde terá lugar o I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia baixo a organización do Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA) e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
A iniciativa, inserida no programa de actividades da vixésima edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), diríxese a aquelas produtoras audiovisuais de ambos os países con interese en establecer contacto directo con potenciais socios estratéxicos cara á coprodución de proxectos para cinema e televisión. O obxectivo final é ampliar as oportunidades de financiamento destas propostas e abrir novas canles de distribución e difusión, así como favorecer o intercambio de profesionais técnicos e artísticos entre Galicia e Portugal.
Inscrición
As empresas interesadas en participar neste foro bilateral de coprodución deben remitir ao correo electrónico audiovisual.agadic@xunta.es antes do vindeiro xoves día 5 o formulario de inscrición, dispoñible para a súa descraga desde a sección de avisos do web www.agadic.info. A partir da información achegada polas compañías, as entidades organizadoras elaborarán un dossier para os participantes e organizarán a axenda cara ao desenvolvemento de reunións personalizadas.
O I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia terá lugar o venres 20 de novembro, a partir das 10.00 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. As produtoras que acudan con proxectos en fase de desenvolvemento terán a oportunidade de facer unha presentación pública na sesión de 'pitching' coa que arrancará o evento. A continuación, darán comezo as roldas de reunións bilaterais entre compañías galegas e portuguesas, previamente concertadas pola organización.