Nova: Galicia Escena PRO arranca en Santiago cos últimos espectáculos de Caramuxo, Eme2, Redrum e a estrea de Voadora

02/11/2015

Galicia Escena PRO arranca en Santiago cos últimos espectáculos de Caramuxo, Eme2, Redrum e a estrea de Voadora

A actividade de exhibición continuará ata o xoves para completar unha carteleira con 24 propostas de teatro, danza, novo circo e maxia

A Agadic organiza este evento cun marcado carácter profesional, pero aberto tamén ao público xeral que poderá acceder de balde a todas as representacións

  • Voadora Voadora estrea a súa última montaxe 'Calypso'
  • Cartel do espectáculo de Eme2 Cartel do espectáculo de Eme2
  • Imaxe do espectáculo de Caramuxo Imaxe do espectáculo de Caramuxo
  • Imaxe do espectáculo de Redrum Imaxe do espectáculo de Redrum

Santiago, 2 de novembro de 2015.- A terceira edición de 'Galicia Escena PRO', o mercado de artes escénicas organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), inicia o martes, día 3, en Santiago de Compostela catro días de actividade profesional e artística arredor da produción galega nos ámbitos do teatro, danza, novo circo e maxia.

Nesta primeira xornada, os máis de 120 profesionais acreditados e o público xeral terán a posibilidade de ver as propostas presentadas por 10 das 24 compañías en cartel, seleccionadas entre máis de 120 propostas recibidas. Caramuxo Teatro e Eme2 Emoción&Arte serán as encargadas de inaugurar esta programación con cadansúa montaxe para público familiar: 'Feo', unha revisión do conto clásico 'O parrulo feo', representarase ás 11.45 horas na sede da Fundación SGAE, o mesmo espazo que acollerá ás 13.00 horas 'Jim e a illa do tesouro', unha historia de aventuras interpretada por monicreques e actores.

Xa pola tarde, a actividade trasladarase ao Auditorio Abanca, onde ás 17.30 horas Mela Casal, Ernesto Chao e Guillermo Carbajo porán en escena a traxicomedia 'Noiteboa', escrita por Borja F. Caamaño e Álex Sampayo e dirixida por este último.

'Calypso'
A continuación, chegará a primeira das dúas estreas absolutas previstas en Galicia Escena PRO: 'Calypso', de Voadora. Marta Pazos dirixe esta peza escrita por Fernando Epelde, que ela mesma interpreta xunto a Hugo Torres e José Díaz. Tras completar a súa residencia artística no Concello de Rianxo, a compañía compostelá presentará a súa nova proposta ás 19.00 horas no Teatro Principal, no que escenificará unha “gran despedida, elegante e extravagante”, para a fin dun sistema e das relacións tal e como as entendiamos ata o momento.

A actividade de mañá rematará cunha sesión de 'showcases', que dará comezo ás 22.00 horas no Salón Teatro coa participación de Ánxela Blanco, Artesacía, Bucanero, Colectivo Cinema Sticado, Ibuprofeno Teatro e Nova Galega de Danza.

A meirande parte das montaxes que se presentan en Galicia Escena PRO 2015, tanto en formato completo como en ‘showcase’, atópanse no inicio do seu percorrido polos escenarios, de xeito que esta carteleira supón unha excelente oportunidade para que os programadores lle tomen o pulso á actualidade escénica galega cara á configuración das axendas culturais que ofrecerán os teatros, auditorios e festivais de toda Galicia durante a próxima temporada.

Entrada gratuíta
Ademais, o público xeral tamén poderá asistir de xeito gratuíto a todas estas funcións ata completar a capacidade da sala. As invitacións para cada espectáculo poderán retirarse na billeteira do espazo correspondente desde unha hora antes do inicio.

En canto á actividade estritamente profesional, Galicia Escena PRO arrancará ás 10.00 horas no Salón Teatro co seminario 'Estratexias dixitais para compañías de artes escénicas', que será impartido por Pepe Zapata, socio da consultora Teknecultura, a 25 profesionais do sector.

Pola súa banda, a Fundación SGAE acollerá ás 14.30 horas o primeiro dos encontros incluídos no programa para favorecer o intercambio profesional dos axentes culturais acreditados no mercado, entre os que se atopan programadores de espazos escénicos público e privados, de festivais e representantes de compañías e empresas distribuidoras.

Comparte