Nova: Teatro de Ningures é protagonista da segunda estrea absoluta de Galicia Escena PRO
04/11/2015
Teatro de Ningures é protagonista da segunda estrea absoluta de Galicia Escena PRO
As propostas para público infantil de Limiar Teatro e Baobab Teatro, a danza aérea de AIREnoAR, a versión de Ensaio sobre a cegueira de Sarabela Teatro e catro showcases completan a carteleira da segunda xornada do encontro
Máis de 120 profesionais das artes escénicas están a participar desdeneste mercado, que tamén abre o seu programa de exhibición de xeito gratuíto ao público xeral
Santiago, 4 de novembro de 2015.- Teatro de Ningures protagonizará hoxe a segunda estrea absoluta inserida na carteleira de 'Galicia Escena PRO', o mercado profesional das artes escénicas que organiza a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ata o vindeiro venres en Santiago de Compostela. 'Unhas poucas picadelas' é o título do novo espectáculo da compañía galega, que afonda na lacra da violencia de xénero a partir dun texto da dramaturga madrileña Laila Ripoll, premio nacional de Literatura Dramática 2015.
Casilda Alfaro, Machi Salgado e Pepa Barreiro compoñen o trío interpretativo desta montaxe, dirixida por Etelvino Vázquez, que poderá verse no Salón Teatro ás 22.00 horas. Porén, a segunda xornada de actividade de 'Galicia Escena Pro' arrancará xa pola mañá na sede compostelá da Fundación SGAE con dúas propostas pensadas para os espectadores máis novos: 'Don Quixote, unha comedia gastronómica' (10.00 h), de Limiar Teatro, e 'Luppo' (11.15 h), montaxe coa que Baobab Teatro obtivo recentemente o premio ao mellor espectáculo para público infantil e familiar na XVIII Feria de Teatro de Castilla y León.
As acrobacias aéreas, en combinación coa danza e a música en directo, presentaranse nesta terceira edición do mercado da man de AIREnoAR e o seu espectáculo homónimo, dirixido por Rut Balbís e coas interpretacións de Álvaro Reboredo e María Move. Será ás 17.30 horas no Auditorio Abanca.
Gran formato
A continuación, será a quenda de Sarabela Teatro, que chega a 'Galicia Escena PRO' con 'Ensaio sobre a cegueira', versión da obra mestra do premio Nobel portugués José Saramago, que a compañía ourensá leva ás táboas a través dunha montaxe de gran formato.
A peza conta coa interpretación a cargo de nove actores e actrices dirixidos por Ánxeles Cuña Bóveda, autora tamén da dramaturxia a partir da novela orixinal. Inclúe, ademais, unha filmación cinematográfica, gravada no hospital psiquiátrico de Toén e realizada expresamente por Jorge Coira e Gaspar Broullón. Esta función terá lugar no Teatro Principal, ás 19.00 horas.
Esta xornada incluirá, así mesmo, a segunda sesión de 'showcases' do mercado galego das artes escénicas, que se desenvolverá a partir das 13.00 horas no Salón Teatro e estará especialmente dedicada a propostas para público familiar. Nela participarán Artello Teatro cun fragmento de 'Non toques os meus círculos', Berrobambán con 'Xurdefet', Matrioshka Teatro con 'Manawee', e o Mago Xacobe con 'Baraka'.
Retirada de convites
Ademais dos máis 120 profesionais acreditados, o público xeral tamén pode asistir de xeito gratuíto a todas estas funcións ata completar a capacidade das salas. As invitacións para cada espectáculo poderán retirarse na billeteira do espazo correspondente desde unha hora antes do inicio.
Ao tempo, continuará a actividade de intercambio estritamente profesional coa celebración dos II Encontros Cofae (Coordinadora de Ferias de Artes Escénicas del Estado Español) e mais unha nova xuntanza entre todos os asistentes ao mercado.