Nova: Viravolta, A Panadaría, Entremans, Teatro do Atlántico e Teatro do Morcego pechan o programa de exhibición de Galicia Escena Pro

05/11/2015

Viravolta, A Panadaría, Entremans, Teatro do Atlántico e Teatro do Morcego pechan o programa de exhibición de Galicia Escena Pro

A actividade profesional continuará o venres coa asemblea xeral da Rede Galega de Teatros e Auditorios e a presentación en formato 'pitching' de 15 novos proxectos escénicos

  • Viravolta Títeres
  • O principio de Arquímedes, de Teatro do Atlántico
  • O Presidente, de Teatro do Morcego
  • O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, participou hoxe nunha das xuntanzas de intercambio cos axentes culturais acreditados nesta terceira edición do mercado galego das artes escénicas O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, participou hoxe nunha das xuntanzas de intercambio cos axentes culturais acreditados nesta terceira edición do mercado galego das artes escénicas

Santiago, 5 de novembro de 2015.- O mercado Galicia Escena PRO desenvolve o xoves en Santiago a súa terceira xornada de actividade e última dedicada á exhibición de espectáculos, aberta tanto aos profesionais do sector acreditados como ao público xeral. Viravolta Títeres, A Panadaría, Entremans, Teatro do Atlántico e Teatro do Morcego serán as encargadas de pechar esta carteleira, mentres que o programa estritamente profesional continuará o venres coa celebración da asemblea xeral da Rede Galega de Teatros e Auditorios e a presentación en formato 'pitching' de 15 novos proxectos escénicos.

No marco desta mesma axenda profesional, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compartiu onte impresións cos axentes culturais que están a participar nesta terceira edición do evento organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Foi no transcurso dunha das xuntanzas incluídas no programa para favorecer o intercambio entre os profesionais acreditados, entre os que se atopan programadores de espazos escénicos público e privados, de festivais e representantes de compañías e empresas distribuidoras.

Terceiro día de representacións
Viravolta Títeres abre hoxe a terceira xornada de representacións de Galicia Escena PRO. A sede da Fundación SGAE acollerá ás 11.00 horas unha función do seu espectáculo 'Peer Gynt', adaptación da famosa obra de Henrik Ibsen e da composición de Edward Grieg para unha proposta de marionetas de mesa e luva, con música en directo dun trío de violín, clarinete e piano.

A continuación, subirá a escena A Panadería, unha das compañías revelación do mercado en 2014, que nesta terceira edición presenta ' Panamericana', montaxe creada e interpretada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman. Esta comedia musical, na que as tres actrices dan vida a 24 personaxes, fala da perversión do sistema e dos soños rotos, mais desde unha óptica optimista e mesmo divertida.

O sector da danza contará con representación neste terceiro día de actividade con Entremans, que actuará ás 17.30 horas no Auditorio Abanca. Kirenia Celia Martínez e Beatriz Pérez asumen a dirección, creación e interpretación de 'Xoga', unha produción coreográfica para o público infantil e familiar, que idearon como un encontro didáctico sobre o funcionamento do corpo a partir da combinación de espazo escénico, audiovisual, música e danza.

Unha das compañías máis veteranas do actual panorama escénico galego, Teatro do Atlántico, participará en Galicia Escena PRO con 'O principio de Arquímedes', obra de Josep María Miró i Coromina. Xúlio Lago dirixe este drama sobre unha sospeita que interpretan María Barcala, Toni Salgado, Alberto Rolán e Marcos Viéitez. A súa función terá lugar ás 19.00 horas no Teatro Principal.

Pola súa banda, Teatro do Morcego pechará este programa de exhibición ás 22.00 horas no Salón Teatro con 'Presidente', comedia sobre a manipulación política escrita e dirixida por José Prieto. Federico Pérez, Celso Parada, Iolanda Muíños, Mercedes Castro e César Goldi conforman o elenco.

Concerto de Uxía e Narf
A xornada de hoxe conclúe ás 12 da noite na Casa das Crechas, onde a organización de Galicia Escena PRO ten preparado un concerto especial no que Uxía e Narf presentarán os temas de 'Baladas da Galiza imaxinaria', o seu primeiro disco conxunto.

A actividade profesional estenderase á mañá do venres a través da asemblea xeral da Rede Galega de Teatros e Auditorios e da sesión de presentacións de proxectos en formato 'pitching', unha das novidades do programa deste ano. Un total de 15 compañías galegas (Galeatro, Fantoches Baj, Triatreros Grupo de Teatro, SMART, Lucecús Teatro, EducaTeatro Producións, Culturactiva, Teatro da Semente, Uxía e Magín Blanco, Talía Teatro, Carlos Neira e Paula Ballesteros, Teatro do Noroeste, Producións Teatráis Excéntricas, ButacaZero e Antagonista Teatro) participarán nesta acción especial, que terá lugar no Museo Fundación Eugenio Granell e á que están convidados todos os responsables da programación dos teatros, auditorios, salas e mostras acreditados.

Comparte