Nova: Homenaxe a Isidro Parga Pondal no Día da Ciencia en Galego
04/11/2015
Homenaxe a Isidro Parga Pondal no Día da Ciencia en Galego
Sesenta rapaces de sexto de primaria asistiron á celebración, que rematou cunha visita guiada ao Museo de Historia Natural Luís Iglesias da USC
O Día da Ciencia en galego 2015 está dedicado aos solos e máis á luz
Santiago, 4 de novembro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrou o Día da Ciencia en galego cunha actividade de dinamización lingüística dirixida a alumnado de Primaria e que terá lugar no Museo de Historia Natural Luís Iglesias da Universidade de Santiago. A conmemoración, vixente desde hai seis anos, céntrase neste 2015 nos solos e na luz, e os científicos universais seleccionados para a homenaxe son Christiaan Huygens, autor da teoría ondulatoria da luz, e Max Planck, considerado o pai da teoría cuántica. No panorama galego, elixiuse ao físico Carlos Gómez-Reino Carnota e ao xeólogo Isidro Parga Pondal. Como escenario optouse polo Museo de Historia Natural da USC, xa que nel se gardan dúas coleccións petrolóxicas vinculadas ás investigacións do propio Parga Pondal.
Acto do Día da Ciencia en galego
No acto central participaron o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora do Museo de Historia Natural da USC, María Isabel Fraga, e o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Rios entroutros. Tamén se contou coa destacada presenza de Isidro Parga, neto do homenaxeado Isidro Parga Pondal, quen achegou unha visión familiar e próxima sobre o destacado xeólogo.
Na súa intervención o conselleiro Román Rodríguez destacou a “curiosidade” de Isidro Parga Pondal, do que “podemos imaxinar –dixo- que facía moitas preguntas, procuraba entender o mundo que o rodeaba e saciaba a súa curiosidade nas aulas, nos libros e nas explicacións dos seus maiores”. Dirixíndose ao público infantil, Román Rodríguez díxolles que este científico “antes de ser un adulto admirable e sabio, foi un neno coma vós”.
Logo das palabras dos convidados, os asistentes gozaron cunha performance dedicada ao científico de Laxe, e cunha visita guiada ao museo.
O homenaxeado, nacido en Laxe (A Coruña), o 17 de decembro de 1900, era sobriño-neto de Eduardo Pondal. Estudou Química en Madrid, e con 22 anos obtivo a praza de profesor auxiliar de Química Inorgánica e Analítica na Universidade de Santiago. Posteriormente, doutorouse en Zúric (Suíza), e elaborou o Mapa xeolóxico de Galicia e o Mapa xeolóxico da Península Ibérica. Foi membro da Real Academia Galega, recibiu a Medalla Castelao e converteuse en doutor honoris causa pola Universidade de Santiago.
Ciencia en galego da man dos EDLG
Cómpre lembrar que unha das misións da Secretaría Xeral de Política Lingüística é coordinar os equipos de dinamización da lingua galega e difundir as boas prácticas para que sirvan de referencia a outros centros educativos. Co gallo do Día da Ciencia en galego, estes equipos de dinamización teñen activa gran cantidade de materiais e actividades que se realizan nos colexios para a conmemoración da xornada. Acertixos matemáticos, experimentos no Día da Ciencia ou labirintos de realidades aumentadas son algunhas das propostas ás que se ten acceso desde o web: http://ir.gl/791c6a