Nova: Galicia escena PRO conclúe a súa actividade profesional coa presentación en formato pitching de 15 novos proxectos

06/11/2015

Galicia escena PRO conclúe a súa actividade profesional coa presentación en formato pitching de 15 novos proxectos

O mercado galego de artes escénicas remata así catro xornadas dedicadas á exhibición de 24 espectáculos, tanto en formato completo como 'showcases', e ao intercambio entre os máis de 120 axentes culturais acreditados este ano

Os programadores asistentes a sesión terán a oportunidade de coñecer de primeira man cales son as liñas artísticas nas que está a traballar unha quincena de compañías galegas

  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, asistiron á representación da obra 'Panamericana', de A Panadería O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, asistiron á representación da obra 'Panamericana', de A Panadería
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, asistiron á representación da obra 'Panamericana', de A Panadería O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, asistiron á representación da obra 'Panamericana', de A Panadería
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, asistiron á representación da obra 'Panamericana', de A Panadería O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, asistiron á representación da obra 'Panamericana', de A Panadería

Santiago, 6 de novembro de 2015.- Galicia Escena PRO, o mercado das artes escénicas organizado en Santiago pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), pecha as súas portas tras catro intensas xornadas durante as que se combinou a exhibición dos últimos espectáculos de 24 compañías galegas co intercambio profesional entre os máis de 120 axentes culturais acreditados no evento.

Tras a celebración no Salón Teatro da asemblea xeral da Rede Galega de Teatros e Auditorios, esta terceira edición do mercado galego das artes escénicas chegará á súa fin cunha sesión dedicada á presentación en formato 'pitching' dos novos proxectos de 15 formacións galegas. Seguindo un modelo similar ao empregado con éxito no sector audiovisual, Galicia Escena PRO incorpora esta novidade co obxectivo de lle achegar a posibilidade de difusión dos traballos a un maior número de compañías, ao tempo que se amplía a panorámica que sobre a actualidade escénica galega se lles está a ofrecer aos programadores asistentes.

Intervencións de seis minutos
De feito, todos os responsables da programación dos teatros, auditorios, salas e mostras inscritos no mercado están convidados a asistir ás 11.30 horas, na sede do Museo Fundación Eugenio Granell a esta sesión de 'pitching'. Nela intervirán Antagonista Teatro, ButacaZero, Carlos Neira e Paula Ballesteros, Galeatro, Culturactiva, EducaTeatro, Fantoches Baj, Lucecús Teatro, Producións Teatráis Excéntricas, Talía Teatro, Teatro da Semente, Teatro do Noroeste, SMART, Triatreros Grupo de Teatro, e Uxía e Magín Blanco. Cada unha destas compañías terá un máximo de seis minutos para adiantarlles aos asistentes os proxectos que están a preparar nestes momentos.

Refórzase así a promoción da actividade escénica galega diante dos profesionais encargados de deseñar as carteleiras culturais. Para eles pensouse igualmente o programa de exhibición a modo de catálogo ao vivo de espectáculos galegos en fase de contratación, presentados tanto por compañías históricas ou xa consolidadas como por colectivos de recente creación.

En total, teranse ofrecido en catro escenarios de Compostela 14 espectáculos completos e 10 'showcases'. Esta última modalidade en formato breve tense afianzado este ano como unha fórmula efectiva de difusión do traballo das compañías, que dispoñen dun máximo de 20 minutos para achegarlles aos programadores a esencia das súas novas propostas.

Ao tempo, Galicia Escena PRO busca tamén impulsar unha maior visibilidade da oferta escénica entre o público xeral, que está a poder gozar das representacións mediante o acceso gratuíto a todos os espectáculos programados, en función da capacidade de cada espazo.

Precisamente no marco deste ciclo, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, asistiron o xoves á representación da obra 'Panamericana', de A Panadería.
 

Comparte