Nova: A ciencia, protagonista en novembro da programación de actividades nas bibliotecas

07/11/2015

A ciencia, protagonista en novembro da programación de actividades nas bibliotecas

Obradoiros, conferencias, espectáculos de maxia e teatro, mostras bibliográficas, contacontos e proxeccións audiovisuais centran as propostas de divulgación científica nos centros bibliotecarios de xestión autonómica

O autor do texto conmemorativo deste ano é o científico Jorge Mira, que participou hoxe co secretario xeral de Política Lingüística na presentación das iniciativas

Baixo o lema ‘Biblioteca escolar, base de exploracións’, os centros educativos tamén participan de forma activa na incorporación da ciencia ás súas actividades

  • O secretario xeral de Política Lingüística na presentación das iniciativas O secretario xeral de Política Lingüística na presentación das iniciativas
  • O secretario xeral de Política Lingüística na presentación das iniciativas O secretario xeral de Política Lingüística na presentación das iniciativas
  • O secretario xeral de Política Lingüística na presentación das iniciativas O secretario xeral de Política Lingüística na presentación das iniciativas
  • O secretario xeral de Política Lingüística na presentación das iniciativas O secretario xeral de Política Lingüística na presentación das iniciativas

Santiago, 6 de novembro de 2015.- Obradoiros científicos, conferencias, exposicións, guías de lectura, proxeccións audiovisuais e espectáculos de maxia e teatro son algunhas das propostas de divulgación científica coas que as bibliotecas públicas de xestión autonómica convidan en novembro a celebrar o ‘Mes da ciencia en galego’.

A programación de actividades da Biblioteca de Galicia, das bibliotecas públicas de Ourense e de Lugo, da Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, da de Santiago Ánxel Casal e da de Pontevedra Antonio Odriozola, xunto coa das bibliotecas escolares, foi presentada esta mañá en rolda de prensa na capital galega polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Acompañouno na presentación o científico e catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Mira, autor este ano do texto conmemorativo do Mes da ciencia en galego nas bibliotecas, e a directora da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, Carina Fernández.

Obradoiros científicos
Co obxectivo de ler e vivir a ciencia en galego, a Consellería de Cultura e Educación súmase a esta celebración, por unha banda, cun completo programa de actividades nas bibliotecas públicas, que inclúe durante todo o mes de novembro obradoiros científicos nos que os máis novos terán ocasión, por exemplo, de se achegar ao proceso de extracción de ADN, ás reaccións químicas e ao mundo da astronomía.

Divulgación con Carracedo, Mariño e Cid
Haberá tamén contacontos, espectáculos de maxia e de teatro, exposicións sobre o medio natural, o cambio climático e a conservación da natureza; proxeccións audiovisuais de microbioloxía e mais diversos centros de interese e guías de lectura sobre o ámbito científico. Ademais, a programación contará coa participación de personalidades como Ángel Carracedo, que impartirá unha conferencia sobre xenética o vindeiro día 27 na Biblioteca da Coruña Miguel González Garcés. Xurxo Mariño e Ramón Cid, que disertará na Ánxel Casal sobre a enerxía nuclear, completan o programa de charlas divulgativas.

Colaboración de recoñecidas entidades
Para a realización de parte das actividades deste programa, as bibliotecas contan coa colaboración de entidades de referencia como o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia, o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela.

Lingua e ciencia
Valentín García asegurou na presentación que “a única condición necesaria para que unha lingua sexa acaída para a ciencia é cultivala neste ámbito. Por iso –engadiu– a Consellería de Cultura e Educación anima a todos os científicos e científicas, e tamén ás familias e docentes, a faceren e divulgaren ciencia en galego”. Para incentivalo, Política Lingüística celebra cada novembro un acto de homenaxe aos científicos propostos por Igaciencia como referentes en Galicia e mais unha actividade de dinamización lingüística no ámbito da ciencia para escolares.

Este ano, o acto celebrouse o pasado 4 de novembro, coa presenza do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, no Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, que reúne nos seus fondos pezas que pertenceron a Isidro Parga Pondal, un dos científicos homenaxeados nesta data. A el acudiron estudantes de 6º de primaria do CEIP López Ferreiro, que tiveron ocasión de escoitar o presidente da Real Academia de Ciencia, a Isidro Parga –neto do ilustre xeólogo– e á directora do museo, ademais de asistiren a unha sesión de dinamización da lingua galega desenvolta pola empresa O Falcón Branco e a unha visita guiada ao museo.

Por outra banda, en cumprimento das súas funcións, a Secretaría Xeral de Política Lingüística divulga desde o seu web as mellores prácticas e recursos elaborados polos equipos de dinamización da lingua galega para conmemorar o Día da Ciencia en Galego, que poden verse no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal (http://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/conmemoracions/ciencia-en-galego e http://ir.gl/791c6a).

‘Biblioteca escolar, base de exploracións’
Xunto coa programación nas bibliotecas públicas de xestión autonómica, as Bibliotecas Escolares tamén se suman un ano máis a esta celebración para estimular entre o alumnado a lectura e a aprendizaxe en todas as áreas e materias. Baixo o lema ‘Biblioteca escolar, base de exploracións’, promoven neste curso diversos proxectos para aproveitar as posibilidades da biblioteca como recurso para a investigación e o coñecemento do mundo.

Neste marco, a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería ofrécelles aos centros maletas con contido científico e tamén pon ao seu dispor na web un repositorio de materiais para a ciencia en galego, a través da ligazónhttp://www.edu.xunta.es/biblioteca/ciencia/, iniciado en 2014 e que se actualiza periodicamente.

Ademais, a sexta edición das Xornadas de Bibliotecas Escolares –que se realizarán na capital galega os días 20 e 21 deste mes– dedicará a primeira xornada á divulgación científica, da man do profesor Xurxo Mariño, ademais de difundir experiencias de varios centros educativos.

Comparte