Nova: O CGAI recibe o documentalista arxentino Andrés di Tella co gallo da retrospectiva que lle dedica esta semana
10/11/2015
O CGAI recibe o documentalista arxentino Andrés di Tella co gallo da retrospectiva que lle dedica esta semana
O recoñecido cineasta, fundador do certame BAFICI de Bos Aires, visitará o sábado a sede da Filmoteca de Galicia na Coruña para asistir á presentación do seu filme ‘327 cuadernos’, estreado na pasada edición do Festival de San Sebastián
O ciclo, organizado en colaboración co centro donostiarra Tabakalera, dá comezo hoxe coa proxección de ‘Montoneros. Una historia’ xunto coa premiada curtametraxe ‘Reconstruyen crimen de la modelo’
A Coruña, 10 de novembro de 2015.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) contará este sábado día 14 coa presenza do afamado documentalista arxentino Andrés Di Tella, quen pechará o ciclo que a Filmoteca de Galicia lle dedica durante esta semana na súa sede da Coruña. O cineasta participará na presentación do seu último traballo, ‘327 cuadernos’, un retrato do escritor Ricardo Piglia que estreou na pasada edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián.
Organizada en colaboración co centro donostiarra Tabakalera, a retrospectiva que dá comezo hoxe na sede coruñesa do CGAI reúne sete dos principais títulos de Di Tella, a través dos que se propón unha revision da obra deste director, considerado un dos documentalistas máis destacados do continente americano e pioneiro en Latinoamérica do diario filmado como formato cinematográfico.
Sesións dobres
O ciclo arranca esta mesma tarde coa proxección, ás 18.00 e ás 20.30 horas, de ‘Montoneros. Una historia’, filme de 1994 que reconstrúe a historia de Ana, unha ex guerrilleira montonera que acepta retroceder no tempo para contar unha das moitas historias dos anos máis violentos da Arxentina dos setenta. O filme exhibirase xunto á premiada curtametraxe ‘Reconstruyen crimen de la modelo’ (1990).
A escolma tamén inclúe os filmes ‘Fotografías’ (mañá día 11), ‘El país del diablo’ (xoves 12) e ‘Hachazos’, xunto á curta ’21 de marzo 1968’ (venres 13). Todas estas fitas ofreceranse en sesión dobre, ás 18.00 e ás 20.30 horas, cos prezos habituais da billeteira do CGAI, mentres que a sesión especial do sábado terá lugar ás 18.00 horas e o acceso será libre ata completar a capacidade da sala.
Andrés Di Tella (Bos Aires, 1958), fundador e primeiro director do BAFICI (Buenos Aires Festival Internacional de Cine Independiente), dirixe desde 2002 o Princenton Documentary Festival na universidade estadounidense de Princenton, e conta así mesmo cunha relevante traxectoria como conferenciante nalgunhas das principais institucións académicas do mundo, como a Universidade de Oxford. Ten dirixido e producido documentais para Canal 7 e Canal Encuentro (Arxentina), PBS (Estados Unidos) e Channel 4 (Gran Bretaña), entre outros, ademais de realizar instalacións, ‘performances’, pezas de vídeo e programas de televisión.