Nova: O futuro das feiras do libro centra a nova edición do simposio anual sobre o libro e a lectura
12/11/2015
O futuro das feiras do libro centra a nova edición do simposio anual sobre o libro e a lectura
Neste econtro anual, promovido pola Asociación Galega de Editores, presentáronse diversas experiencias de éxito
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2015.- Promovido pola Asociación Galega de Editores (AGE) co apoio da Consellería de Cultura e Educación, O Simposio O Libro e a Lectura aborda o futuro das feiras do libro de Galicia na súa décimo segunda edición. O encontro anual foi inaugurado hoxe na sede do Consello da Cultura Galega polo presidente desta institución, Ramón Villares; pola presidenta da AGE, Laura Rodríguez; e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou o interese das feiras do libro para a difusión e a comercialización do libro galego, e como punto de encontro da cidadanía coa cultura en xeral. Tamén se referiu á necesidade de reflexionar sobre o formato destes eventos co fin de afrontar os retos actuais, para impulsar a participación do público e favorecer os obxectivos das feiras.
Xunto cunha mesa redonda sobre o futuro das feiras, con participación de libreiros e editores; unha mesa temática arredor dos espazos, os produtos e os públicos; e a conferencia ‘A innovación dun festival sen límites’, a cargo de Sheila Cremaschi, directora de Hay Festival, o simposio deste ano aborda diversas experiencias de éxito, como a Semana do Libro en Catalán, o Salón do Libro de Pontevedra, a Praza dos Libros e a Semana da Música Infantil nas Feiras do Libro de Galicia. A xornada remata coa presentación dun compromiso de colaboración de cara o vindeiro ano 2016 entre a AGE, a Federación de Librerías de Galicia e a Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Espazos para a difusión do libro
As Feiras do Libro de Galicia chegaron este ano, entre os meses de abril e de agosto, aos municipios de Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Vigo, Ribeira, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte de Lemos. Xunto coas novidades editoriais, estes eventos ofreceron unha programación cultural con diversas actividades de dinamización da lectura para lle achegar o libro ao público infanto-xuvenil e adulto.