Nova: O Gaiás acolle a maior exposición sobre o galego José Suárez, un dos grandes nomes da fotografía do século XX

13/11/2015

O Gaiás acolle a maior exposición sobre o galego José Suárez, un dos grandes nomes da fotografía do século XX

‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ abriu as súas portas con 206 imaxes con todas as súas series e 150 obxectos persoais cos que se busca dar a coñecer a súa extraordinaria biografía

A mostra estará aberta ata o 27 de marzo de 2016 con entrada de balde e conta con visitas didácticas para que os escolares poidan aproximarse á orixe e á historia da fotografía

Santiago, 13 de novembro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a descubrir a figura do fotógrafo galego José Suárez a través da nova exposición da Cidade da Cultura, que abriu hoxe as súas portas no Museo Centro Gaiás. ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ preséntase como a maior exposición realizada ata o momento sobre o fotógrafo de Allariz, considerado un dos grandes nomes da fotografía do século XX.

A mostra, que poderá visitarse de balde ata o vindeiro 27 de marzo, reúne desde as súas imaxes máis icónicas ata series nunca antes expostas co obxectivo de resituar ao fotógrafo de Allariz no punto que lle corresponde na historia da fotografía de Galicia e España, así como estender ao gran público o amplo recoñecemento que obtivo en vida por parte de intelectuais como Miguel Unamuno, Rafael Alberti, Francisco Ayala, Luís Seoane ou Eduardo Blanco Amor.

‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ abriu as portas esta mañá coa presenza dos comisarios, Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón, dous nomes de referencia no estudo e divulgación da fotografía galega; así como o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e a directora de Acción Cultural, María Pereira.

Fotógrafo singular
“José Suárez é un fotógrafo absolutamente singular dentro da fotografía histórica galega. As súas imaxes teñen unhas características moi definidas, que se manteñen durante toda a súa longa traxectoria fotográfica, produto dunha visión reflexiva, moi persoal, determinada por unha rica formación cultural, que lle dá un claro carácter de autor do que carecen xeralmente os fotógrafos profesionais históricos”. Así definiu Xosé Luis Suárez Canal ao fotógrafo de Allariz, de quen destacou a introdución da vangardas na fotografía.

Un aspecto no que incidiu Manuel Sendón, quen destacou como José Suárez se converte no primeiro fotógrafo consciente da súa autoría, que concibe a fotografía como arte. “Nunha época na que predominaban os fotógrafos por encarga e unha visión costumista da sociedade galega, Suárez revélase como un artista”, asegurou na presentación.

Vida e obra
‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ conta cun total de 206 fotografías e, a diferenza doutras exposicións realizadas antes, exhibe tamén 150 obxectos persoais. Deste xeito, o visitante poderá comprender mellor a evolución creativa de José Suárez, achegándose á apaixonante biografía deste fotógrafo no seus viaxes por Arxentina, Uruguai, Chile ou Xapón e aos seus encontros con personaxes tan relevantes, como o cineasta Kurosawa.

A montaxe da exposición aumenta o seu atractivo xa que o deseño de Alfonso Penela, referencia da arquitectura galega contemporánea, emprega todos os recursos do Museo Centro Gaiás para potenciar a expresividade das imaxes en branco e negro de José Suárez. Así, un gran telón de 18 metros de altura serve de lenzo no que xorden as fotografías, como se dun positivado se tratase, acompañado dunha arquitectura efémera de cristal co que achegarse á parte máis privada do fotógrafo de Allariz.

Patrocinio privado
A mostra permanecerá aberta ata o 27 de marzo, de martes a domingo de 10 a 20 horas. A súa entrada é de balde e, como todas as actividades do programa cultural do Gaiás, estará financiada con cargo ás aportacións das empresas que formaban parte da Fundación privada Gaiás.

Co obxectivo de estender o coñecemento da obra de José Suárez fóra de Galicia, precisamente naquelas países onde viviu, a exposición ten prevista a súa itinerancia. O primeiro destino será Arxentina, con motivo da Feira do Libro de Bos Aires, dedicada a cidade de Santiago de Compostela na edición de 2016.

Un artista no mundo da fotografía
José Suárez (Allariz, 1902 – A Guarda, 1974) é unha das figuras máis interesantes e destacadas da fotografía galega do século XX. Nunha época na que predominaban os fotógrafos por encarga e unha visión costumista da sociedade galega, José Suárez revélase como un artista consciente da súa autoría. A súa obra reflexa unha gran preocupación humanista, incorporando novidades formais propias dos movementos de vangarda europeos como a Nova Visión ou a Nova Obxectividade.

Na exposición do Museo Centro Gaiás, o visitante poderá contemplar series tan coñecidas e importantes como ‘Mariñeiros’, realizada a mediados dos anos 30 e que chegou a ser exposta en París ou Madrid; pero tamén as tomadas durante as súas viaxes a Xapón –unha primeira no 53 e unha posterior, aínda que menos destacada, nos anos 60-, ou das últimas que realizou na súa vida como ‘A Mancha’ (1965).

Visitas diarias e para escolares
‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ conta con visitas guiadas de balde: de martes a venres ás 18:30 horas e sábados e domingos ás 12:30 e ás 18:30 horas.

Ademais, a Cidade da Cultura ten preparadas unhas visitas didácticas para escolares, nas que alumnos de todos os ciclos –desde Infantil a Bacharelato- poderán descubrir a figura de José Suárez, así como o inicio e a evolución da fotografía. Para facer máis atractiva a visita, o Museo Centro Gaiás contará cun laboratório fotográfico no que poder experimentar, así como diferentes obradoiros e actividades pedagóxicos.

As visitas didácticas son de balde e participar só hai que contactar previamente a través do telefono 881 99 51 72 ou no mail visitasdidacticas@cidadedacultura.org.

Comparte