Nova: A Xunta remítelle ao Parlamento o anteproxecto de Lei do patrimonio cultural
13/11/2015
A Xunta remítelle ao Parlamento o anteproxecto de Lei do patrimonio cultural
Substitúe á Lei do patrimonio de 1995, á de Protección dos Camiños de Santiago de 1996 e á de Traballos de dotación artística nas obras públicas e nos Camiños de Santiago de 1991
Durante o período de participación pública recibiu 484 alegacións de máis de 60 entidades
A lei busca implicar os concellos na protección do patrimonio, regular novos tipos de patrimonio, endurecer o réxime sancionador e simplificar a lexislación e a xestión
Prevé a creación de dúas materias, unha na ESO e outra no Bacharelato, para concienciar a mocidade da importancia de conservar o patrimonio
- Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta
Santiago, 13 de novembro de 2015.- O Consello da Xunta aprobou o Proxecto de Lei do patrimonio cultural, que será remitido ao Parlamento de xeito inmediato. Substitúe á Lei do patrimonio de 1995, á de Protección dos Camiños de Santiago de 1996 e á de Traballos de dotación artística nas obras públicas e nos Camiños de Santiago de 1991. Durante o período de participación pública recibiu 484 alegacións de máis de 60 entidades. A lei busca implicar os Concellos na protección do patrimonio, regular novos tipos de patrimonio, endurecer o réxime sancionador e simplificar a lexislación e a xestión. Ademais, tamén prevé a creación de dúas materias, unha na ESO e outra no Bacharelato, para concienciar a mocidade da importancia de conservar o patrimonio
“Esta lei garante que o sistema de protección do noso patrimonio cultural non diminúe, pero facilita a xestión para facela máis áxil”, indicou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tras o Consello da xunta.
O presidente recalcou que este é “un dos textos normativos máis importantes do noso calendario lexislativo, pois garante a protección dunha das nosas principais fortalezas como comunidade, que é o noso patrimonio cultural”. Substitúe e unifica as regulacións de tres leis: a do Patrimonio cultural de 1995, que “necesitaba unha actualización para adaptarse aos tempos”, a de Protección dos Camiños de Santiago de 1996 e a de Traballos de dotación artística nas obras públicas e nos Camiños de Santiago de 1991.
Desde a última vez que este texto pasou polo Consello, no mes de marzo e en forma de Anteproxecto, someteuse a un profundo proceso de participación pública. Durante este período recibiu as achegas de diversos axentes sociais (como as Universidades galegas, a Academia de Belas Artes, o Colexio de Arquitectos e a fiscalía especializada en delitos contra o patrimonio), informes sectoriais e o ditame do Consello da Cultura Galega. En total, o Anteproxecto de lei recibiu 484 alegacións de máis de 60 entidades.
A nova Lei persegue catro obxectivos fundamentais: incrementar a colaboración de todas as Administracións, especialmente dos concellos; regular novos patrimonios, como o inmaterial, o subacuático, o industrial e o científico; implantar un réxime sancionador máis estrito, no que pasa de haber 23 faltas tipificadas a haber 54 e as infraccións moi graves poden implicar sancións de ata un millón de euros, e simplificar a lexislación e a xestión administrativa do patrimonio cultural.
Do Inventario ao Catálogo
Dentro do esforzo para simplificar a lei e facela máis doada de entender e de aplicar, o vello Inventario do Patrimonio Cultural convértese no novo Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. O cambio máis destacado que isto implica é que se reducen a dúas as categorías de bens de patrimonio: Bens de Interese Cultural (BIC) e bens clasificados. Nesta última intégrase a antiga categoría de bens inventariados.
Por unha banda, os BIC son os bens máis sobranceiros do patrimonio cultural galego. A nova lei introduce catro categorías novas de BIC: vías culturais, paisaxes de valor cultural, sitios históricos e territorios históricos. Hai dous xeitos de que un elemento do patrimonio sexa declarado BIC: por declaración singular e “ope legis”, isto é, os bens que obteñen a declaración de xeito automático: os Camiños Patrimonio da Humanidade, os escudos anteriores a 1901; os bens propios da arquitectura defensiva anteriores a 1914; os hórreos, cruceiros e petos de ánimas anteriores a 1901 e as covas, abrigos e petróglifos con manifestacións de arte rupestre.
Pola outra banda, os bens catalogados son os que teñen notable valor, pero sen chegaren a ser BIC. Ao igual que estes, un ben catalogado pode selo por declaración individual ou “ope legis”. Entre estes últimos encóntranse as rutas principais dos Camiños de Santiago que non son BIC; as esculturas en madeira e as obras pictóricas previas ao ano 1600; os pecios, buques ou aeronaves que leven somerxidos nas augas territoriais galegas desde antes de 1901.
Ademais, como novidade, esta lei introduce un tipo máis de ben catalogado: os que os concellos introduzan como tales nos seus catálogos urbanísticos. Dentro da intención de implicar os municipios na protección do patrimonio, estes poderán autorizar as intervencións en determinados bens catalogados, sempre que obteñan unha habilitación previa.
Entre as novas medidas que introduce esta lei tamén se inclúe o Censo do patrimonio cultural, que recolle todos aqueles bens que aínda non foran declarados de interese cultural ou catalogados, e a creación da zona de amortecemento. Esta vén a complementar a contorna de protección arredor dos bens inmobles catalogados, que xa existía, e terá como finalidade reforzar a protección física e visual dos elementos do patrimonio cultural.
Protección dos Camiños de Santiago
Feijóo fixo especial fincapé na protección dos Camiños de Santiago, un dos elementos máis característicos do noso patrimonio. Despois de que esta lei sexa aprobada polo Parlamento, poderá incoarse a declaración de BIC dunha ruta xacobea se o piden por unanimidade os concellos polos que esta discorre. Tamén se recoñece por primeira vez como ruta principal o Camiño de Inverno.
A lei continúa coas restricións que se levan a cabo xa hoxe en día de cara á súa protección. No ámbito delimitado non se poden levar a cabo actividades mineiras, poñer vallas ou carteis publicitarios nin establecer vertedoiros. Ademais, nos tres metros contiguos ao Camiño non se poderán talar árbores frondosas, acampar nin levar a cabo actividades construtivas fóra dos tramos urbanos, agás excepción do Plan Especial.
“Nesta lei marcámonos tamén un alto nivel de esixencia —afirmou o presidente—. Establecemos uns prazos axustados para aplicar as novidades que inclúe esta lei”. Así, por exemplo, a Xunta márcase dous anos para aprobar o Plan Territorial Integrado dos Camiños de Santiago, un ano para aprobar o regulamento das relacións Xunta-Igrexa, dous anos para publicar o Censo do Patrimonio Cultural (que podería irse aprobando por municipios a medida que os Concellos aproben os seus plans de ordenación) e cinco anos para identificar e concretar os BIC “ex lege”, entre outros horizontes temporais.
Incentivos económicos e divulgación
“A lei considera que o mellor xeito de protexer o noso Patrimonio non é mediante sancións. O patrimonio estará protexido cando todos comprendamos que é un elemento central da nosa identidade”, reivindicou o presidente. De acordo con este obxectivo, este novo texto legal incentiva a conservación do Patrimonio a nivel económico, con liñas de subvencións autonómicas, o 2% do financiamento autonómico dos investimentos que recollía a Lei de dotación artística, a posibilidade de beneficios fiscais para BIC e a regulación da figura do Patrocinio Cultural.
Ademais, incide na difusión da importancia cultural do patrimonio. Entre outras accións, crea unha nova materia de libre configuración autonómica para a ESO, “Paisaxe e Sustentabilidade” (que xa están a cursar 624 alumnos en 16 centros), e unha específica para Bacharelato, “Patrimonio Artístico e Cultural de Galicia”. “Asegurándonos de que os galegos do futuro coñezan o noso patrimonio garantimos a súa sustentabilidade por moitas décadas”, resumiu Feijóo.
En definitiva, o presidente da Xunta sinalou que a nova Lei do patrimonio cultural de Galicia é un texto “simplificado e actualizado, máis comprensible e máis fácil de aplicar, que ao mesmo tempo é máis estrito á hora de garantir a protección dos bens culturais”, concluíu.