Nova: OUFF Escola 2015 premia os mellores proxectos audiovisuais escolares en galego
16/11/2015
OUFF Escola 2015 premia os mellores proxectos audiovisuais escolares en galego
Presentáronse un total de 136 traballos audiovisuais de fición, documentais e animación
Ourense, 16 de novembro de 2015.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu á entrega de premios da VI edición do certame de cine OUFF Escola, celebrado en Ourense. Convocado pola Concellería de Cultura da cidade e o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, este concurso de cinema escolar está enmarcado na 20ª edición do devandito festival de cine, que se celebra na capital das Burgas entre o 14 e o 22 de novembro.
As bases estableceron dúas categorías: unha conxunta de Infantil e Primaria e outra para outros niveis de ensino non universitario (agás as escolas oficiais de Imaxe e Son). Nesta categoría a vencedora foi ‘Os camiños esquecidos’ do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz); o segundo premio foi para o IES Manuel Murguía (Arteixo) por ‘As tres portas’; e o Premio Blanco Amor ao mellor guión levouno o IES Isaac Díaz Pardo (Sada) pola obra ‘Fontes e lavadoiros do Concello de Sada’.
Pola súa banda, o mellor traballo na categoría de infantil e primaria concedéuselle a ‘Os superpoderes dos alimentos’, do CEIP A Lama; o segundo premio foi para o CEIP Torre-Illa (Pontevedra), polo traballo ‘Quen levou a lúa’; e o Premio Blanco Amor ao mellor guión foi para o CRA de Meis por ‘A vella na botella’.
Con independencia da categoría, o primeiro premio está dotado con 600€; 400€, o segundo; e o Blanco Amor ao mellor guión, con 300€. Ademais, as curtametraxes premiadas serán publicadas nos seguintes enderezos web: www.ouff.org e www.lingua.gal
Nesta sexta edición do certame OUFF Escola participaron un total de 136 proxectos e máis de 2.300 rapaces, mostra dos bos resultados da promoción que procura o fomento da creación audiovisual na infancia e na adolescencia.
OUFF Escola
O certame de cinema OUFF Escola nace co obxectivo de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e máis o traballo en equipo nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a formar un espírito crítico. Este certame pretende, ademais, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino, e crear un espazo de referencia para am ostra do audiovisual feito nas aulas.
Esta inicitativa encádrase como ferramenta dentro da Directiva Europea de Alfabetización Mediática, que procura dar formación á mocidade sobre o coñecemento e a avaliación do audiovisual.
As obras presentadas tiveron que cumprir varios requisitos: estar en lingua galega, non comercializadas e cunha duración máxima de 20 minutos; entroutras esixencias. Pola súa banda, o xurado valorou os seguintes criterios: calidade das obras, orixinalidade dos argumentos, autenticidade e calidade no uso da lingua, potenciación de valores democráticos e de tolerancia, e o uso creativo das novas tecnoloxías e das ferramentas de soporte lóxico libre.