Nova: As bibliotecas públicas continúan coas actividades do Mes da Ciencia en Galego
21/11/2015
As bibliotecas públicas continúan coas actividades do Mes da Ciencia en Galego
Nenas e nenos participaron no obradoiro ‘Non é maxia, é ciencia’, celebrado na Biblioteca Antonio Odriozola (Pontevedra), e que contou coa visita do conselleiro de Cultura
Pontevedra, 21 de novembro de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañou as nenas e nenos participantes no obradoiro ‘Non é maxia, é ciencia’, celebrado na Biblioteca Antonio Odriozola (Pontevedra), enmarcado no programa do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas.
O obradoiro trata de facer chegar á sociedade a mensaxe de que a ciencia e a tecnoloxía poden contribuír a reducir a pobreza, protexer o medio ambiente e mellorar a calidade de vida de todos.
A actividade, dirixida á cativada maior de 8 anos, enmárcase tamén no programa de iniciativas - obradoiros científicos,exposicións, ou espectáculos de maxia e teatro, entre outras- organizadas pola Consellería neste ‘Novembro, mes da ciencia en galego’ tanto na Biblioteca de Galicia, como nas bibliotecas públicas de Ourense e de Lugo, na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, na de Santiago, Ánxel Casal e na de Pontevedra, Antonio Odriozola, así como nas bibliotecas escolares.