Nova: O Culturgal acollerá unha xornada sobre xestión de redes de artes escénicas

23/11/2015

O Culturgal acollerá unha xornada sobre xestión de redes de artes escénicas

Escena Galega organiza este foro coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)

Santiago, 23 de novembro de 2015.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa asociación Escena Galega na organización da 'Xornada profesional sobre xestión de redes de artes escénicas', que terá lugar o sábado 5 de decembro en Pontevedra como parte da programación da feira das industrias culturais Culturgal.

Escena Galega, integrada por un total de 38 compañías da nosa Comunidade, promove este foro profesional co obxectivo de analizar e debater sobre o funcionamento destes circuítos, a partir do coñecemento de experiencias existentes noutros puntos de España en relación á xestión, promoción e difusión das artes escénicas a través de redes públicas de distribución.

O encontro está dirixido tanto aos integrantes das compañías profesionais de artes escénicas como a técnicos de cultura municipais, programadores e xestores culturais. O acceso será libre, previa inscrición a través do formulario que se pode solicitar ao correo electrónico info@escenagalega.com ou descargar desde a sección de avisos do web da Agadic.

Tres mesas
A xornada arrancará cun relatorio sobre a Rede Vasca de Teatros SAREA, circuíto integrado por 54 teatros e participado polo Goberno Vasco, as deputacións forais e os concellos. A mesa estará moderada por Mercedes Castro, vicepresidenta de Escena Galega, e nela participarán José Luis Ibarzábal Eguibar, do Departamento de Cultura do Goberno Vasco; Nekane Basterretxea, secretaria técnica de coordinación de Sarea; e Amaia Ibáñez, xerente de Eskena-Empresas de Produción Escénica Asociadas de Euskadi.

A xornada de tarde estruturarase arredor doutras dúas mesas. A creadora Begoña Cuquejo será a encargada de presentar a primeira delas, centrada en Danza a Escena, circuíto artístico promovido polo Ministerio de Educación e Cultura, a través do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM), e desenvolvido pola Red Española de Teatros en colaboración cos seus espazos asociados co obxectivo de incrementar a presenza da danza na programación cultural mais a súa visibilidade social. Intervirán neste coloquio Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro da Coruña, presidente da Red Nacional de Teatros e Auditorios e coordinador da comisión de Danza a Escena, e Adela Fernández, coordinadora da Red para este circuíto coreográfico.

Esta 'Xornada profesional sobre xestión de redes de artes escénicas' concluirá cunha terceira mesa dedicada ao programa Platea, circuíto estatal para a circulación de espectáculos de artes escénicas en espazos municipais, que organiza o INAEM en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Neste caso, Xosé Paulo Rodríguez será o encargado de presentar as intervencións de Jesús Cimarro, presidente da Federación Estatal de Asociaciones de Empresas de Teatro y Danza (Faeteda), e de Olga Mojón, directora do Teatro Principal de Ourense.

Comparte