Nova: Contos en Rede prosegue a súa xira, baseada na tradición oral, a través do programa FalaRedes
21/11/2015
Contos en Rede prosegue a súa xira, baseada na tradición oral, a través do programa FalaRedes
A contadora Ana Carreira e as súas historias amenizarán Palas de Rei
Santiago, 21 de novembro de 2015.- Continúa a andaina do ‘Contos en Rede’, o terceiro dos espectáculos do programa ‘FalaRedes’ neste 2015. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ofrécelle esta proposta de lecer ás entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, que conta coa colaboración das deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra en concellos da súa competencia territorial.
Mañá domingo hai unha nova oportunidade para gozar do espectáculo: será en Palas de Rei (ás 20:00 horas, na Casa da Cultura, e coa contadora Ana Carreira). A entrada é, coma sempre no ‘FalaRedes’, libre e de balde ata completar a capacidade das salas.
Pola súa banda, rexístranse dúas modificacións no calendario: as actuacións previstas para hoxe sábado nos concellos coruñeses da Baña e do Val do Dubra (fixadas, en ámbolos casos, para as 20:00 horas) adíanse para o vindeiro venres 27. Na Baña, a sesión será ás 20:00 horas no Centro Social, baixo a batuta do contador Santi Prego. Canto ao Val do Dubra, a contada comezará ás 22:00 horas, na Casa da Cultura, da man do contador Inacio Vilariño.
Historias e contos populares
‘Contos en Rede’ é unha alternativa oral que pretende resaltar a importancia da transmisión por medio da fala, baseada nas historias populares e nos contos, na voz de Ana Carreira, Inacio Vilariño e Santi Prego.
Destinada a público de calquera idade, a actividade ‘Contos en Rede’ está a percorrer un total de 30 entidades (27 municipios e 3 mancomunidades) ao longo dos meses de outubro e novembro. É este un tempo que se caracteriza polas xuntanzas a carón do lume para escoitarmos os contos que, de xeración en xeración, veñen transmitíndose en lingua galega. Contos novos e vellos, de intriga ou de humor, a través dos que se pretende acadar tres obxectivos fundamentais: incentivar o uso do galego oral como ferramenta de creación artística, incrementar a oferta de actividade cultural en lingua galega e máis espallar o traballo dos artistas que realizan as súas actividades na lingua propia de Galicia.
Todas as datas e máis os espazos desta actividade pódense consultar, tamén, no web institucional www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia
'FalaRedes 2015'
A cuarta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.
Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con preto de 170 entidades adscritas.
Máis información sobre ‘FalaRedes’ 2015 no apartado exclusivo dentro do web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://ir.gl/a416b6 e tamén nas redes sociais.