Nova: Cinemas de Galicia contará en 2016 cunha rede de exhibición de dez concellos
20/11/2015
Cinemas de Galicia contará en 2016 cunha rede de exhibición de dez concellos
Allariz, Celanova, Cedeira, O Grove e Cariño incorporaranse a esta rede destinada a localidades sen salas comerciais, na que repiten O Carballiño, As Pontes, Foz, Ortigueira e Redondela
O Festival de Cine Internacional de Ourense proxecta esta tarde o filme de animación 'Meigallos' e o documental 'Os días afogados' como avance do catálogo de películas que se lles ofrecerá aos municipios participantes neste programa
Ourense, 20 de novembro de 2015.- O circuíto ‘Cinemas de Galicia’, a rede municipal de exhibición cinematográfica xestionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ampliarase a 10 concellos en 2016 coa incorporación de Allariz, Celanova, Cedeira, O Grove e Cariño. Estes cinco municipios sumaranse aos do Carballiño, As Pontes de García Rodríguez, Foz e Redondela, que repetirán o ano que vén como sedes deste programa a través do que se achega o cinema en pantalla grande aos espectadores de localidades sen salas comerciais.
O XX Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) acolleu esta mañá a presentación dun avance da nova edición de 'Cinemas de Galicia', que se desenvolverá a partir do mes de marzo como resultado da colaboración entre a Xunta de Galicia, as administracións locais, as produtoras galegas e as distribuidoras cinematográficas.
Como explicou o director da Agadic, o programa mantén o mesmo dobre obxectivo co que botou a andar como experiencia piloto a finais de 2014: incrementar o número de pantallas da nosa Comunidade e ofrecerlles novas posibilidades de distribución aos filmes galegos que se atopan en fase de explotación comercial. Neste sentido, poñerase a disposición dos programadores municipais un novo catálogo de películas cunha presenza destacada do cinema galego xunto a producións españolas e europeas avaladas pola crítica e por importantes premios e festivais.
Sección especial no OUFF
Dous dos filmes deste novo catálogo, aínda en fase de elaboración, exhibiranse esta mesma tarde no OUFF dentro da sección especial 'Cinemas de Galicia', que forma parte –á súa vez– dunha serie de accións de difusión do audiovisual galego que a Agadic está a promover en colaboración co festival ourensán. Trátase da película de animación 'Meigallos' e do documental 'Os días afogados', que foron presentadas aos medios respectivamente por Juan de Dios Serrano, de Agallas Films; e Miguel Anxo Fernández, crítico cinematográfico.
'Meigallos', que se proxectará ás 18.00 horas no Teatro Principal, é unha longametraxe de animación en 3D dirixida por Virginia Curiá e producida por Agallas Films e Continental Producciones. A fita, que chega a Ourense tras o seu paso polo Festival de Málaga e o BAFICI de Bos Aires, conta a historia de Malva, unha pequena fan de calquera novidade tecnolóxica que se verá envolta nunha misión de rescate tras o secuestro da súa avoa.
Pola súa banda, 'Os días afogados', que poderá verse ás 20.30 horas tamén no Teatro Principal, é unha longa documental producida por Amanita Films, que contou para a súa realización cunha subvención da Xunta de Galicia a través da Agadic. César Souto e Luis Avilés Baquero dirixen esta peza sobre a aldea ourensá de Aceredo, en Lobios, mergullada desde hai vinte anos baixo as augas do embalse portugués de Barragem do Lindoso.