Nova: Arcadio López-Casanova recibe o VII Premio Voz de Liberdade

25/11/2015

Arcadio López-Casanova recibe o VII Premio Voz de Liberdade

O galardón, outorgado polo Centro PEN Galicia, recaeu este ano no lucense, autor dunha extensa produción, tanto en lingua galega como en castelán

  • Arcadio López-Casanova

Santiago, 25 de novembro de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na entrega do Premio ‘Voz de Liberdade’, onde cualificou a Arcadio López-Casanova como un poeta comprometido co desenvolvemento e identidade de Galicia, ao tempo que un recoñecido investigador e docente. O galardón, outorgado polo Centro PEN Galicia, recaeu este ano no lucense, autor dunha extensa produción, tanto en lingua galega como en castelán.

Durante a súa intervención o conselleiro sinalou que nos últimos ano a cultura galega presentou unha importante transformación, que lle debe moito a persoas como o galardoado, que fixeron a súa achega con amplitude de miras e plena confianza en que “o que aquí expresábamos necesitaba unha marca que abrise as portas do futuro”. Neste sentido salientou o papel do PEN Club Galicia, unha entidade que establece as canles de intercambio que a nosa terra precisa para amosar o valor da súa propia literatura, ao tempo que abre a perspectiva respecto da produción literaria a nivel mundial. Segundo explicou, o PEN é ademais un estímulo para os novos nomes e para a vangarda.

No acto de entrega participaron o propio presidente do PEN Club Galicia, Luís González Tosar; e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.

O xurado do premio -formado polo presidente do PEN Club Galicia, Luís González Tosar, pola académica Fina Casalderrey e por Inma López Silva, Manuel Guede, Armando Requeixo, Luís Menéndez, Bieito Iglesias e Xabier Castro Martínez- acordou por unanimidade conceder o galardón a Arcadio López-Casanova en recoñecemento á súa “fidelidade á lingua galega ao longo de máis de cinco décadas” e ao “seu permanente compromiso coa liberdade de expresión”.

Comparte