Nova: O patrimonio cultural portugués chega á Casa da Parra en máis de 50 imaxes
25/11/2015
O patrimonio cultural portugués chega á Casa da Parra en máis de 50 imaxes
En Oito espazos para sete miradas autores e autoras do país veciño ofrecen a súa visión das catedrais do norte de Portugal
A iniciativa enmárcase no memorando de colaboración en materia cultural asinado este ano pola Consellería, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e polo Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal
Santiago, 25 de novembro de 2015.- O patrimonio cultural portugués chega á Casa da Parra a través da exposición ‘Oitos espazos para sete miradas’, unha mostra que ofrece a visión de sete fotógrafos e fotógrafas do país veciño sobre as catedrais no norte de Portugal. Conformada por un total de 56 fotografías, a nova mostra da Casa da Parra poderá visitarse desde hoxe ata o próximo día 20 de xaneiro neste centro expositivo da Consellería de Cultura e Educación, situado na compostelá praza da Quintana.
Cada un dos fotógrafos e das fotógrafas que participan neste proxecto, que constitúe a primeira exposición colectiva internacional que se realiza en 2015 na Casa da Parra, ofrecen a súa particular visión estética dos monumentos que centra a mostra. Egídio Santos fotografou a concatedral de Miranda do Douro, Inês d’Orey fotografía a catedral de Viana do Castelo, Luis Ferreira Alves aborda coas súas imaxes a catedral do Porto; Paulo Alegria céntrase na catedral de Lamego; Paulo Pimenta traballou sobre a catedral de Braga; Pedro Lobo retratou a catedral de Vila Real e Rita Burmester baseou a súa obra na antiga catedral de Bragança e na nova catedral de Bragança.
Segundo explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, esta nova exposición é froito do diálogo de dous territorios transfronteirizos que comparten historicamente vencellos comúns. Trátase, concretamente, dunha das iniciativas nacidas ao abeiro do memorando de colaboración en materia cultural asinado o pasado 23 de abril, Día do Libro, pola Consellería de Cultura e Educación, polo Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e pola Dirección Rexional de Cultura do Norte. O titular deste departamento, António Ponte, viaxou a Galicia para participar na apertura da mostra, xunto co arquitecto da dirección rexional Jorge da Costa.
Ilustración galega en Portugal
No marco deste memorando, que promove o intercambio cultural e o recoñecemento mutuo entre as culturas de Galicia e Portugal, a creatividade galega tamén terá o seu espazo en no país luso a través da mostra ‘Santiago, cidade ilustrada’, que recolle debuxos e ilustracións de artistas galegos como Miguelanxo Prado, Pepe Carreiro e David Pintor, e que se poderá ver a partir deste venres 27 de novembro no mosteiro de Tibaes, en Braga.
A exposición que se poderá ver ata o día 20 de xaneiro na Casa da Parra intégrase no proxecto Ruta das Catedrais no Norte de Portugal, que ten como obxectivo divulgar e poñer en valor o legado patrimonial.