Nova: Unhas xornadas pechan na Coruña o ano dedicado a Filgueira Valverde, homenaxeado coas Letras Galegas 2015
26/11/2015
Unhas xornadas pechan na Coruña o ano dedicado a Filgueira Valverde, homenaxeado coas Letras Galegas 2015
A cidade herculina acolle as dúas últimas sesións do ciclo ‘Filgueira Valverde na cultura galega do século XX’
As xornadas están promovido pola Consellería de Cultura e Educación, pola RAG, polo Consello da Cultura Galega, pola Fundación Barrié e pola Deputación de Pontevedra
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2015.- O ciclo de conferencias e mesas redondas ‘Filgueira Valverde na cultura galega do século XX’ desenvolve na Coruña as súas dúas últimas xornadas. A primeira delas foi inaugurada esta mañá na sede da Real Academia Galega (RAG) polo secretario desta entidade, Henrique Monteagudo; polo escritor Arcadio López-Casanova e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen se referiu ao homenaxeado coas Letras Galegas 2015 como “unha figura de múltiples facetas, en cada unha das cales deixou constancia da súa calidade intelectual”.
Estas dúas xornadas, que lle dan continuidade ás xa realizadas en Pontevedra e en Santiago de Compostela –os pasados días 10, 11 e 24 de novembro–, “van servir de peche para este Ano Filgueira, cunha merecida e necesaria actualización da contribución á cultura galega deste estudoso e divulgador”, afirmou o secretario xeral.
Novas descubertas sobre Filgueira
Segundo asegurou, “Filgueira Valverde entregounos unha obra de creación de altura para a nosa construción lingüística e cultural; e fíxoo desde o traballo persoal e desde o seu labor nas institucións nas que se integrou ou dirixiu, que forman parte esencial do tecido presente”. “Nestas xornadas –engadiu– temos a oportunidade de dirixir a nosa ollada cara a el e cara á súa obra, e farémolo de mans de estudosos recoñecidos que nos descubrirán aspectos esenciais da súa figura.
O investigador e escritor Arcadio López Casanova foi o encargado de abrir as xornadas da Coruña co relatorio ‘Filgueura Valverde e o seu tempo: apuntamentos para un retrato’, nas que Xesús Ferro Ruibal, Ramón Villares, Francisco Fernández Rei, Carlos Valle e Xesús Alonso Montero, entre outros, tamén achegarán nova luz sobre o profesor pontevedrés.
A sede da Fundación Barrié na cidade herculina será mañá o escenario da xornada de clausura, a partir das 16:30 horas.
Colaboración institucional
A Consellería de Cultura e Educación a RAG, o Consello da Cultura Galega (CCG), a Fundación Barrié e a Deputación de Pontevedra colaboran para promover esta iniciativa, na que participan recoñecidos especialistas de diversas universidades e institucións. Henrique Monteagudo, pola RAG; Diego Rodríguez, pola Fundación Barrié; Carlos Valle, polo Museo de Pontevedra; e Francisco Díaz-Fierros, polo CCG, coordinaron en cadansúa sede as diversas actividades, que teñen como obxectivo contribuír ao coñecemento sobre a vida e obra do intelectual pontevedrés.