Nova: O Gaiás convida a vivir un Nadal diferente cunha programación especial
28/11/2015
O Gaiás convida a vivir un Nadal diferente cunha programación especial
Entre as actividades están unha discoteca para bebés, unha velada de swing, as actividades lúdico-didácticas de Findes na balea e o concerto solidario Cancións por regalos
Nadal no Gaiás complétase co tradicional concurso de postais e unha merenda moi especial na que poder gozar cos espectáculos de Odaiko e Os Tres Tenedores e degustar os mellores produtos galegos
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a vivir un Nadal diferente no alto do Gaiás coa programación especial que a Cidade da Cultura ten preparada do 19 de decembro ao 2 de xaneiro para gozar en familia. Este ‘Nadal no Gaiás’ ábrese para os máis pequenos o domingo 20 de decembro con ‘Baboo experience’, unha discoteca interactiva na que vivir unha experiencia visual e sonora única. Nenos de entre 1 e 5 anos poderán bailar, saltar e moverse libremente ao ritmo da selección musical de DJ GuGuGaGa e as proxeccións que porá en escena a VJ Mademoiselle Oui Oui.
‘Baboo experience’ conta con tres pases de 40 minutos (ás 11:00, ás 12:00 e ás 13:00 horas). As entradas (neno+adulto) xa están á venda no Museo Centro Gaiás e en www.ataquilla.com (máis gastos de xestión) a un prezo de 8€.
Baile, degustacións e solidariedade
Para non perder o ritmo, a tarde do 26 de decembro converterase nunha velada especial na que a partir das 16:00 horas aprenderemos a mover o corpo a ritmo de ‘Nadal swing’. Cunha banda en directo coa que practicar os pasos, exhibicións a cargo de bailaríns profesionais e un recuncho no que poder caracterizarse con diferentes accesorios e converterse, así, no rei da pista.
A música combinarase co humor o 29 de decembro cunha ‘Merenda de Nadal’ con tres ingredientes: gastronomía, música e moita diversión. Grandes e pequenos asistirán ao primeiro día de traballo de tres peculiares personaxes no espectáculo ‘Cocido sinfónico’ de Os Tres Tenedores, no que tres vagabundos se converten en cociñeiro, camareiro e xefe de cociña e nos amosarán a súa peculiar forma de elaborar un menú.
Tras eles, o grupo de percusión Odaiko sorprenderá ao público ao converter calquera utensilio en música do máis virtuosa. E para facer redonda esta merenda, desde as 16 horas, os participantes poderán achegarse aos diferentes postos do Museo Centro Gaiás para facer unha degustación dos mellores produtos galegos.
As entradas de ‘Nadal swing’ e ‘Merenda de Nadal’ xa están á venda a un prezo de 5€ no Museo Centro Gaiás e www.ataquilla.com (máis gastos de xestión), con descontos para familias e colectivos especiais que se poden consultar en www.cidadedacultura.gal.
O clásico festival solidario
A programación especial de Nadal finalizará o 2 de xaneiro cun clásico da Cidade da Cultura: o festival solidario ‘Cancións por regalos’. Da man de Ernie Producciones, os máis pequenos achegaranse ao mellor do pop actual a cambio dunha entrada simbólica: un regalo, que unha ONG se encargará de repartir o día de Reis entre os que máis o necesiten.
‘Nadal no Gaiás’ compleméntase coa programación das actividades didácticas ‘Findes na balea’, que durante os sábados e domingos de decembro e xaneiro seguirán alternando un servizo de ludoteca (sábados) con obradoiros fotográficos (domingos) nos que achegarse á exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ e converterse en artista por un día.
E ata o 22 de decembro, a Cidade da Cultura volve convocar o seu tradicional concurso de postais ‘Imaxina o teu Nadal no Gaiás’ no que nenos de ata 9 anos terán que customizar a plantilla que este ano preparou a ilustradora Cinta Arribas para eles. O 26 de decembro daranse a coñecer os tres gañadores por categoría (de 0 a 5 anos e de 6 a 9 anos), que recibirán un agasallo e un pack de entradas familiar para asistir o 29 de decembro á ‘Merenda de Nadal’.