Nova: O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea leva a Lugo a exposición Renacer, de Eva Díez
01/12/2015
O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea leva a Lugo a exposición Renacer, de Eva Díez
O traballo gañador da terceira edición do certame, realizado ao abeiro do Outono Fotográfico co apoio de Cultura e Educación, poderá verse no Pazo de San Marcos
Lugo, 1 de novembro de 2015.- O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea leva a Lugo a exposición ‘Renacer’, obra coa que a viguesa Eva Díez se fixo coa terceira edición deste certame, realizado ao abeiro do Outono Fotográfico co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Deputación Provincial de Lugo.
A mostra ofrece “a ollada coa que Díez nos amosa o ‘renacer’ das ruínas que transforma a súa cámara, o simbolismo da luz coa que volve dotar de vida os espazos dun fogar deshabitado”, asegurou esta tarde, durante a apertura da exposición, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, en alusión á temática da obra.
O traballo gañador do III Premio Galicia de Fotografía Contemporánea constitúe, segundo o xurado, un “proxecto fotopoético que pon en marcha de forma radical as oposicións esencias da fotografía: luz e escuridade, primeiro plano e plano de fondo ancorados por insinuacións de planos medios [...]” e “percorre un camiño por casas abandonadas que máis parecen soños con pazos encantados”.
Difusión da obra gañadora
En relación ao interese do certame, Anxo Lorenzo destacou que, ademais de favorecer a creatividade dos autores e das autoras, tamén permite poñer en valor e achegarlle ao público o froito do seu traballo, que se premia cunha exposición itinerante e mais coa publicación da obra nun libro.
Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves, coordinadores do premio, a fotógrafa galardoada e o deputado delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, tamén participaron na presentación da exposición.
Cunta dotación económica de 12.000 euros, o premio tradúcese na produción dunha exposición e mais na edición dun libro, xunto coa itinerancia da mostra. Na súa primeira parada, ‘Renacer’ poderá visitarse ata o vindeiro 31 de decembro na sala de exposicións do Pazo de San Marcos, en Lugo.
Proxectos premiados en 2013 e 2014
Na primeira edición, en 2013, concorreron ao premio máis de 40 proxectos procedentes dun total de 10 países. A obra gañadora foi nese ano ‘Posesións para un esquecimento’, do lucense Daniel Díaz Trigo. Na convocatoria de 2014, o xurado do certame acordou outorgarlles o galardón ex aequo ás series ‘Le cirque noir’, de Berto Macei, e mais ‘Rururbania Salnés’, de Jose Romay.