Nova: Escritores e ilustradores difunden no exterior a cultura galega na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara

02/12/2015

Escritores e ilustradores difunden no exterior a cultura galega na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara

Yolanda Castaño, Anxo Fariña, Luis Menéndez e Marta Álvarez participan estes días na programación da cita editorial máis importante de Iberoamérica 

  • Creadoras e creadores impulsan estes días a difusión exterior da cultura galega na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara Creadoras e creadores impulsan estes días a difusión exterior da cultura galega na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara

Santiago, 2 de decembro de 2015.- Creadoras e creadores impulsan estes días a difusión exterior da cultura galega na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, o evento editorial máis importante de Iberoamérica, que se celebra este ano na cidade mexicana ata o vindeiro 6 de decembro.

Co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a escritora e dinamizadora cultural Yolanda Castaño, o escritor e xornalista Luis Menéndez e os ilustradores Anxo Fariña e Marta Álvarez participan na programación cultural da vixésimo novena edición desta cita editorial, para dar a coñecer a lingua, a literatura e a cultura galegas no ámbito internacional.

Con este obxectivo, os catro autores participan hoxe, ás 19:00 horas (hora mexicana), na mesa redonda ‘A revolución imparable. A interacción de mundos creativos en ecosistemas multilingües’, na que terán ocasión de achegar as súas reflexións sobre a heteroxeneidade cultural e lingüística como estímulo para a creación.

Encontros literarios con estudantes
Fóra da feira, os autores galegos tamén participarán no programa Ecos da FIL. Concretamente, o escritor Luis Menéndez manterá mañá xoves encontros con alumnos e alumnas en varios centros educativos, onde dará a coñecer a literatura galega. Este proxecto, organizado pola FIL e a Coordinación de Difusión e Extensión do Sistema de Educación Media Superior, ten como finalidade principal fomentar o hábito da lectura entre os estudantes.

O sábado, a escritora Yolanda Castaño tamén participará na presentación do libro ‘Punto de ebullición. Antología de la poesía contemporánea en gallego’, de Miriam Reyes.

O sector editorial galego nas feiras internacionais
A Consellería, a través da Secretaría Xeral de Cultura, vén apoiando a promoción exterior do sector editorial galego nos principais eventos internacionais vinculados co libro. Este ano, Galicia participou cun stand propio nas feiras de Boloña, de Frankfurt e de Buenos Aires, onde Santiago de Compostela será a cidade convidada en 2016.

A FIL de Guadalaxara
Preto de 2.000 editoriais, máis de 20.300 profesionais e case 300 axentes literarios participaron na pasada edición da feira, que constitúe a cita editorial máis importante de Iberoamérica e un destacado festival cultural. Creada hai 29 anos pola Universidade de Guadalaxara, a FIL é un espazo de encontro para favorecer o negocio editorial, ademais dun escaparate para linguas e literaturas de todo o mundo e un foro para a reflexión académica.

O Reino Unido é o convidado de honra da edición de 2015, que se prolongará na cidade mexicana ata o vindeiro día 6 de decembro.

Comparte