Nova: O Museo das Peregrinacións apoia os 30 anos da declaración da Cidade Vella como Patrimonio da Humanidade
04/12/2015
O Museo das Peregrinacións apoia os 30 anos da declaración da Cidade Vella como Patrimonio da Humanidade
Divulgan a historia de Santiago entre os máis novos
O Museo recibiu a vista das alumnas e alumnos do CEIP López Ferreiro, que puideron contemplar unha dramatización musical e realizar unha visita guiada ao centro
Santiago, 4 de decembro de 2015.- O Museo das Peregrinacións e de Santiago acolleu esta mañá un acto que apoia o XXX aniversario da inclusión da Cidade Vella na lista da UNESCO do Patrimonio Mundial. Un espazo urbano e patrimonial que destaca por representar unha obra mestra do xenio creativo humano; ao que a propia UNESCO define como “unha das zonas urbanas de maior beleza do mundo, realzada polos seus monumentos románicos, góticos e barrocos.”
No acto, o alumnado do CEIP López Ferreiro foi recibido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. As rapazas e rapaces puideron gozar coa actuación do Bruxo Queiman e da cantante Andrea Pousa e asistir unha visita guiada na que se lles amosou os segredos deste centro que acaba de renovar completamente o seu proxecto museográfico.
No mesmo, o conselleiro explicoulles aos nenos e nenas alí presentes o significado da Cidade Vella de Santiago e do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade por estar “chea de cultura, chea de historia e chea de patrimonio”. Así mesmo, dun xeito distendido e ameno, emprazou aos rapaces a estaren “orgullosos” da cidade na que viven e emprazounos a ser responsables e a coidala.
Trinta anos despois do recoñecemento da Cidade Vella como Patrimonio da Humanidade, mantense intacto o compromiso da Xunta para que os valores que atesoura a Cidade Vella se manteñan e transmitan na súa integridade ás xeracións vindeiras, e ademais- un compromiso colectivamente compartido por todas as administracións e institucións coa salvagarda desta xoia urbana da nosa comunidade.
O relato dunha historia milenaria
Cómpre lembrar que o novo programa expositivo do Museo das Peregrinacións e de Santiago, redactado polo equipo técnico do museo, pon de relevo a transmisión de valores como a tolerancia ou a interculturalidade a través dun discurso que, partindo do fenómeno universal das peregrinacións, mostra a relevancia da peregrinación xacobea e a súa incidencia na evolución da cidade compostelá.
A presentación dos contidos, confeccionada para resultar amena e interesante para un público diverso, estrutúrase en catro niveis de lectura para a comprensión dunha historia milenaria, que se desenvolve á marxe das barreiras políticas, das culturas e do tempo: tres grandes áreas temáticas que levan ao visitante do universal ao local e un epílogo.
Desde as distintas peregrinacións existentes en todas as latitudes, pasando polas peregrinacións cristiás e as tres grandes rutas: Santiago, Xerusalén e Roma, continuando pola historia, tradición e lenda xacobea, e rematando pola pegada histórica e evolución da urbe de Santiago, o museo ofrece un relato histórico, artístico e cultural extraordinario que permite comprender a peregrinación a través dos bens culturais relacionados con ela.