Nova: A película El desconocido abrirá en Pontevedra a quinta edición de Augal
09/12/2015
A película El desconocido abrirá en Pontevedra a quinta edición de Augal
Desenvolverase dende o 15 de decembro ata o 5 de abril na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
Ao longo de sete sesións amosaranse producións galegas de distintos formatos coa asistencia dos seus creadores ou protagonistas e terá lugar o segundo Foro Augal
Pontevedra, 9 de decembro de 2015.- A proxección do filme ‘El desconocido’, da produtora Vaca Films, abrirá o próximo martes 15 de decembro a quinta edición de AUGAL, a Master Class do Audiovisual Galego, que se desenvolverá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus A Xunqueira de Pontevedra ata abril de 2016.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e a Universidade de Vigo colaboran nesta iniciativa que impulsa a formación complementaria no ámbito audiovisual mediante a difusión da produción cinematográfica galega actual da man dos seus protagonistas. AUGAL responde, ademais, á demanda do propio sector de contribuír á visibilidade dos seus produtos e de dar a coñecer os seus creadores ao público.
Baixo a coordinación dos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández, as sete sesións previstas, nas que se inclúen longametraxes, curtas, webseries ou formatos publicitarios, están destinadas con prioridade aos alumnos de Comunicación Audiovisual, para os que está xa dispoñible a inscrición, aínda que, como en anteriores edicións, a elas pode asistir tamén o público en xeral.
A presentación detallada dos contidos desta nova Master Class do Audiovisual Galego tivo lugar hoxe nun acto celebrado na Casa das Campás de Pontevedra, no que interviñeron o director da Agadic, Jacobo Sutil; a vicedecana de Ciencias Sociais e da Comunicación, Beatriz Legerén e mais o crítico cinematográfico Miguel Anxo Fernández, codirector do curso.
Dez títulos galegos
AUGAL 2015-2016 dará comezo o próximo martes día 3 cunha xornada centrada na película ‘El desconocido’, un dos últimos éxitos do audiovisual galego presente na actualidade nas carteleiras comerciais. O filme protagonizada por Luis Tosar e Goya Toledo, entre outros, será comentado polo seu director, Dani de la Torre, e por Emma Lustres, da produtora Vaca Films.
Despois desta primeira cita, AUGAL continuará o 15 de febreiro de 2016 coa xornada ‘Viaxe pola publicidade para TVG’, que será conducida polo director e produtor Jorge Algora, de Adivina Producións. Seguirá o 23 de febreiro a proxección do documental ‘Os días afogados’, coa presenza de César Souto e Luis Avilés (directores e guionistas) e Iván Patiño (produtor); e o 1 de marzo verase ‘El arca de Noé’, fita que será presentada por David Valero (director e guionista) e por Sergio Frade (produtor).
Para o 8 de marzo está preparada unha sesión especial dedicada a curtametraxes e webseries, na que se ofrecerán os títulos ‘Estereoscopia’, de Xacio Baño; ‘Serendipia’, de Jonatan Toucedo; e ‘Nacer en septiembre’, de Anxos Fazáns; así como ‘Vento ferido’, a serie online asinada por Miguel Grandío sobre o libro homónimo de relatos de Carlos Casares, que foi creada como resultado da última edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC).
O 15 de marzo será a quenda da longametraxe ‘Lobos sucios’, a ópera prima de Simón Casal producida por Agallas Films, que acaba de presentarse no Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF).
Ademais, como actividade complementaria, os profesores de Fotografía Jorge Lens e Carlos Soutelo realizarán retratos artísticos a todos os profesionais participantes co obxectivo de compoñer unha futura exposición.
AUGAL 2015-2016 pecharase o 5 de abril coa segunda edición do seu foro profesional, dedicado nesta ocasión ao subsector da animación. Será o produtor, director e guionista Ángel de la Cruz o encargado de conducir esta última cita, previa á entrega de diplomas, coa conferencia titulada ‘Como facer unha película de animación? Pasado, presente e futuro da animación en Galicia’.
A inscrición en AUGAL, que é gratuíta, está xa dispoñible a través dos webs www.agadic.gal e www.csc.uvigo.es.