Nova: Comeza no Gaiás a construción do Xardín Literario e da área infantil inspirada en Urbano Lugrís
05/12/2015
Comeza no Gaiás a construción do Xardín Literario e da área infantil inspirada en Urbano Lugrís
O Xardín Literario englobará un espazo verde de 11.700 metros cadrados cunha plantación de árbores que evocará as follas dun libro, un tapiz vexetal para as paredes verticais, un estanque e un miradoiro
As obras da área de lecer para nenos inspirada nos monstros mariños de Urbano Lugrís comezarán en xaneiro e estarán rematadas a finais de marzo
O avance na rede de sendas e no sistema de iluminación fotovoltaico do Bosque de Galicia permitirá que se abra ao público ao inicio da primavera
Santiago, 5 de decembro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, iniciará nos próximos días as obras do Xardín Literario, o proxecto deseñado pola arquitecta galega Isabel Aguirre de Úrcola que transformará nun espazo verde dedicado ás letras galegas e ao goce da natureza un dos baleiros dos edificios non construídos do Gaiás.
Ademais do Xardín, a área de lecer infantil inspirada nas criaturas mariñas do artista coruñés Urbano Lugrís, cunha balea como elemento central, atópase xa en fase de inicio dos traballos. As obras desta nova zona, que conectará o norte da Cidade co Bosque de Galicia, comezarán en xaneiro e estarán rematadas en primavera. Nese momento xa estará lista a rede de sendas e o sistema de iluminación fotovoltaica de baixo consumo do Bosque de Galicia.
Con estas actuacións en marcha, o Bosque de Galicia abrirase ao público a finais de marzo, permitíndolles aos cidadáns gozar deste novo pulmón verde no que se teñen plantado máis de cinco mil árbores de especies autóctonas e que se poderá recorrer camiñando a través dunha rede de tres quilómetros de sendeiros.
Todas estas actuacións intégranse no Plan de Humanización da Cidade da Cultura impulsado pola consellería de Román Rodríguez co triple obxectivo de aumentar as opcións de lecer ao aire libre, deporte e actividades culturais, achegar o Gaiás á cidade de Santiago e contribuír a que os visitantes o perciban como unha obra rematada.
Letras e natureza
Coa creación do Xardín Literario, a Cidade da Cultura ofrecerá unha área destinada á natureza e ás letras, un novo espazo verde onde renderlle unha homenaxe aos poetas e escritores galegos. A encargada do proxecto foi a arquitecta Isabel Aguirre, premio María Josefa Wonenburguer 2015 e responsable de actuacións tan destacadas como a rehabilitación do parque de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela, xunto a Álvaro Siza. No proxecto do Xardín Literario, Aguirre traballou co Grupo de Investigación da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega.
A súa proposta desenvolve unha superficie verde de 11.700 metros cadrados onde se plantarán 14 especies diferentes de árbores, evocando na súa disposición as follas dun libro. Nas paredes do baleiro, de ata oito metros de profundidade, medrará un tapiz vexetal de 13 especies diferentes de trepadoras e herbáceas, plantas que evolucionarán con liberdade creando un “xardín dinámico”, inspirado nas teorías da paisaxe do francés Gilles Clémant.
O Xardín Literario, que estará aberto ao público na primavera, contará cun estanque, un mirador, áreas de descanso e un punto de información para os visitantes. Os traballos serán realizados pola empresa pública Tragsa.
A balea de Lugrís
No norte da Cidade da Cultura comenzará en xaneiro a construción da área de lecer para nenos inspirada no universo de Urbano Lugrís, un dos grandes artistas plásticos galegos da primeira métade do século XX, famoso polos seus debuxos de criaturas mariñas.
De feito, no centro deste novo espazo levantarase unha balea que funcionará á vez como unha estrutura para o xogo e como un elemento icónico. Inspirada nos debuxos de Lugrís, este animal remite tamén ás referencias de Peter Eisenman no libro Codex, onde compara o museo coa esquelete dun destes animais mariños.
Ao redor da balea e desta área infantil, o estudo compostelá de arquitectura RVR deseñou un espazo para o descanso, con sombra, auga e vexetación, que dará continuidade á atmosfera onírica e irreal de Lugrís, cun estanque de agua recollida da chuvia no que medrarán plantas acuáticas e ao redor do que se disporán nove cestos xigantes -de case dous metros de altura-, que funcionarán como xardíns verticais onde crecerán bidueiros e outras prantas.
Esta área de lecer infantil estará adaptada para que poida ser empregada por nenos con diversidade funcional.