Nova: O Camiño de Inverno inclúese entre as rutas principais do Camiño de Santiago no proxecto da Lei de patrimonio cultural de Galicia

11/12/2015

O Camiño de Inverno inclúese entre as rutas principais do Camiño de Santiago no proxecto da Lei de patrimonio cultural de Galicia

Esta incorporación é froito dos estudos realizados os últimos anos polos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que acreditan a súa historicidade e supón un paso esencial para o recoñecemento oficial da mesma

  • O camiño de inverno é unha ruta xa descuberta polos romanos, seguindo as cotas baixas da conca  do río Sil. Dende Ponferrada (León), pasaban pola Ribeira Sacra e as terras pontevedresas do Deza, onde se unían coa ruta do Sueste ata Santiago. O camiño de inverno é unha ruta xa descuberta polos romanos, seguindo as cotas baixas da conca do río Sil. Dende Ponferrada (León), pasaban pola Ribeira Sacra e as terras pontevedresas do Deza, onde se unían coa ruta do Sueste ata Santiago
  • O camiño de inverno é unha ruta xa descuberta polos romanos, seguindo as cotas baixas da conca  do río Sil. Dende Ponferrada (León), pasaban pola Ribeira Sacra e as terras pontevedresas do Deza, onde se unían coa ruta do Sueste ata Santiago O camiño de inverno é unha ruta xa descuberta polos romanos, seguindo as cotas baixas da conca do río Sil. Dende Ponferrada (León), pasaban pola Ribeira Sacra e as terras pontevedresas do Deza, onde se unían coa ruta do Sueste ata Santiago

Santiago, 10 de decembro de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañado da directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, reuniuse con Aída Menéndez Lorenzo, da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago pola Ribeira Sacra, Asunción Arias Arias e Felicidad Pérez, da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, para presentarlles o proxecto da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e explicarlles as novidades máis destacadas. Entre elas destacan a inclusión do Camiño de Inverno como unha das rutas principais do Camiño de Santiago; e que se poda incoar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) dunha ruta xacobea se os concellos polos que esta discorre o piden por unanimidade. 

A inclusión do Camiño de Inverno como unha das rutas principais dentro da nova Lei convértese nun paso esencial para o recoñecemento oficial da mesma. A devandita inclusión é froito dos estudos que acreditan a historicidade desta ruta realizados os últimos anos polos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Román Rodríguez comprometeuse a seguir avanzando na futura delimitación do Camiño de Inverno.

Os responsables da Xunta explicáronlles ás tres representantes das asociacións o título dedicado na lei aos Camiños de Santiago. Neste defínense e descríbense os camiños, desenvolvendo aspectos clave como a protección, delimitación, usos ou sinalización, entre outros. A nova norma supón unha aposta pola protección do patrimonio galego máis senlleiro, tanto desde o punto de vista das infraestruturas incluídas no ámbito de protección dos trazados, como no que atinxe aos valores culturais e medioambientais asociados a estas vías de peregrinación.

Os camiños do Camiño
O Camiño de Santiago está formado polo conxunto de itinerarios recoñecidos documentalmente dos que pode testemuñarse o seu uso como rutas de peregrinación de longo percorrido e que estruturan, conforman e caracterizan o territorio que atravesan. As rutas principais son o Camiño Francés; o do Norte, Ruta da Costa; o do Norte, Ruta do Interior, tamén coñecido como Camiño Primitivo ou de Ovedo; o Inglés; o de Fisterra e Muxía; o Portugués; a Vía da Prata ou Camiño Mozárabe; e o Camiño de Inverno.

Das anteriores, as rutas do Camiño de Santiago incluídas na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco (Camiño Francés; o do Norte, Ruta da Costa; o do Norte, Ruta do Interior) terán a consideración de Bens de Interese Cultural (BIC’s), o que significa o máximo recoñecemento e, consecuentemente, a máxima protección legal.

O resto das rutas do Camiño de Santiago (o Camiño Inglés, o de Fisterra e Muxía, o Portugués, a Vía da Prata ou Camiño Mozárabe e o de Inverno) terán a consideración de bens catalogados como territorios históricos, sen prexuízo de que, como xa se ten dito, por acordo unánime dos concellos polos que discorre se solicite á consellería competente en materia de patrimonio cultural a incoación da súa declaración como ben de interese cultural.

Un PTI para o Camiño
Ademais, para avanzar pola senda dunha protección efectiva do Camiño de Santiago elaborarase un Plan Territorial Integrado de Protección e Valorización no que se establezan as liñas xerais para o mantemento e a conservación dos valores culturais dos Camiños e para garantir unha ordenación do territorio harmoniosa e integrada con eles. O Plan será redactado pola Consellería e aprobado polo Consello da Xunta nos dous anos seguintes á aprobación da Lei.

O ámbito deste Plan estenderase á totalidade dos territorios históricos delimitados e o seu obxectivo principal será a conservación xeral do carácter dos territorios históricos, mantendo as súas características tradicionais. En relación cos tramos do Camiño e os núcleos de poboación relacionados, procurarase manter e integrar o carácter, a tipoloxía, os volumes, o cromatismo, os materiais e as aliñacións existentes de carácter tradicional a ambos os dous lados da traza.

Co PTI establecerase de forma unitaria e integrada os principios, normas e criterios que permitan unha maior axilidade nos trámites derivados das preceptivas autorizacións municipais e sectoriais, mesmo no eido da protección patrimonial.

 

Comparte