Nova: A Biblioteca de Galicia recupera a obra de Lino González Rubido, un debuxante esquecido na prensa compostelá

11/12/2015

A Biblioteca de Galicia recupera a obra de Lino González Rubido, un debuxante esquecido na prensa compostelá

A través de 75 debuxos e caricaturas, dáse a coñecer nunha exposición o traballo deste artista galego, que na década dos 40 publicou as súas viñetas humorísticas en ‘La Noche’

  • Anxo Lorenzo na presentación da exposición Anxo Lorenzo na presentación da exposición
  • Anxo Lorenzo na presentación da exposición Anxo Lorenzo na presentación da exposición
  • Anxo Lorenzo na presentación da exposición Anxo Lorenzo na presentación da exposición
  • Anxo Lorenzo na presentación da exposición Anxo Lorenzo na presentación da exposición

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2015.- A Biblioteca de Galicia recupera a a obra de Lino González Rubido cunha exposición na que dá a coñecer 75 debuxos e caricaturas do artista galego, procedentes da colección recentemente adquirida polo centro dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

‘Lino González Rubido, un debuxante esquecido na prensa compostelá’ é o título desta nova mostra que se pode visitar ata o vindeiro día 24 de xaneiro de 2016 na Cidade da Cultura, onde foi presentada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, polo humorista gráfico e caricaturista Siro López, pola subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal, e polo xefe de servizo da Biblioteca de Galicia, Daniel Buján, quen realizou un percorrido guiado pola exposición.

Moi pouco se coñece da vida de González Rubido, aínda que si se sabe que nace en Agüeiros, no municipio de Boiro, e que estuda Farmacia na capital de Galicia, onde falece prematuramente aos trinta anos de idade, en 1946. Non faltan entre as súas caricaturas varias dos seus profesores na facultade e, precisamente, nestas caricaturas onde reflicte boa parte da sociedade compostelá do seu tempo (médicos, políticos, alumnado universitario, veciños e veciñas da cidade etc.) é onde radica “o maior interese e o maior volume dos seus traballos”, afirmou Anxo Lorenzo.

Viñetas humorísticas en ‘La Noche’
Na década dos 40, Lino González publicou as súas viñetas humorísticas en ‘La Noche’, suplemento de ‘El Correo Gallego’. Ademais, fixo ilustracións para algún libro, das cales se conservan aínda varios exemplares, como as ilustracións para unha edición de ‘Rimas’, de Bécquer, e outras para o conto ‘Aladino e a lámpada marabillosa’. Tamén se conservan os deseños para unha baralla de cartas e unha serie de pequenos debuxos numerados do 1 ao 13, que se empregarían na ilustración de tarxetas postais. Pero a parte máis importante desta colección de debuxos, desde un punto de vista numérico, son as caricaturas.

“Calidade e modernidade artística”
“A través destas obras, a Biblioteca de Galicia propón agora un percorrido polos debuxos, as caricaturas e as viñetas deste artista, para recuperar a súa memoria e traer ao presente o seu traballo”, dixo o secretario xeral, quen destacou que, malia os poucos anos de produción, “Lino González foi quen de demostrar unha gran calidade e unha modernidade artística que o fan merecedor do tributo que hoxe lle rendemos, dando a coñecer e poñendo en valor a súa obra”.

En xullo de 1941, presenta 25 caricaturas á Gran Exposición de Belas Artes e Artes Decorativas, organizada pola Real Sociedade de Amigos do País de Santiago, onde tamén participan artistas do talle de Manuel Abelenda, Fernando Álvarez de Sotomayor, Francisco Asorey, Felipe Bello Piñeiro e outros.

Sen tempo para desenvolver unha carreira non só prometedora, senón mesmo de resultados patentes, falece aos trinta anos, na madrugada do 14 de outubro de 1946, de tifo, en Santiago de Compostela, onde está enterrado no cemiterio de San Domingos de Bonaval.

En 2012, dúas obras de Lino González Rubido xa se exhibiran na mostra da Biblioteca de Galicia ‘Orixes do cómic en Galicia’, baseada no traballo de 50 ilustradores galegos de finais do século XIX e comezos do XX e conformada por obras como a primeira tira cómica en galego, ilustracións de Camilo Díaz Baliño, viñetas de Maside, manuscritos de Risco e historietas de Castelao guionizadas por Ramón Cabanillas.

Comparte