Nova: Rematan as celebracións con motivo do centenario de Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena

11/12/2015

Rematan as celebracións con motivo do centenario de Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena

Revisouse a relación epistolar que o pensador galego mantivo con numerosos intelectuais

  • A Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega terminan as celebracións con motivo do século do nacemento de Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena A Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega terminan as celebracións con motivo do século do nacemento de Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena

Santiago, 11 de decembro de 2015.- A segunda xornada coa que se celebran os cen anos do nacemento de Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena, dúas figuras notables das culturas galega e vasca, tivo lugar este venres en Santiago. Se a do xoves tivo como marco a sede do Consello da Cultura Galega, desta volta os actos trasladáronse ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ao que precisamente lle dá nome un dos homenaxeados.

A mañá comezou ás 10:00 horas coa intervención do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. O autor de numerosas obras, entre as que figura o ensaio ‘Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega’ (2009), baseouse na correspondencia entre os dous homenaxeados para a súa ponencia ‘Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena, a partir das cartas do filólogo vasco ao pensador galego’.

Posteriormente, foi o momento para unha das citas máis agardadas: a presentación do espistolario de Ramón Piñeiro con Xosé Neira Vilas, da man de Luís Reimóndez, Dolores Vilavedra e Armando Requeixo (editor do caderno); e mais o epistolario de Ramón Piñeiro con Ricardo Carballo Calero, que presentaron dous dos seus editores: Luís Alonso Girgado e Luís Cochón.

Logo do mediodía, ás 12:30 horas, foi o momento reservado para a mesa de clausura. Baixo o título ‘Políticas Lingüísticas no concerto autonómico e estatal’, e moderada por Rosario Álvarez, contou coas intervencións do viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno vasco, Patxi Baztarrika, o voceiro de Lingua do PSdeG-PSOE, Francisco Caamaño, a directora xeral de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, Ester Franquesa, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

García lembrou que ‘Piñeiro e Mitxlelena foron pioneiros en remarcar o carácter plurilingüe do estado español’ e lembrou a ‘necesidade de facer pedagoxía nas comunidades autónomas con linguas cooficiais [Cataluña, Galicia e País Vasco] para que os cidadáns poidan sentir a riqueza do plurilingüismo’.

Koldo Mitxelena (1915-1987)
Mitxelena foi un adiantado á súa época, un intelectual cunha gran visión de futuro, que tiña en acadar a convivencia no País Vasco unha das súas teimas. Home polifacético e de gran erudición, sentou as bases do ‘euskera batua’ o idioma éuscaro unificado. Detido logo de loitar na Guerra Civil, paso uno cárcere case seis anos. Foi alí onde se aficionou á lingüística e, ademais, aprendeu inglés e alemán.
Licenciado en Filoloxía Clásica en 1951, converteuse en Reitor da Universidade de Salamanca, onde creou a Cátedra Manuel de Larramendi. En 1960 publicou un dos seus traballos máis recoñecidos: ‘Historia de la Literatura Vasca’. Faleceu aos 69 anos de idade.

Ramón Piñeiro (1915-1990)
Nacido en Láncara, antes de chegar con seis anos á escola xa sabía ler e escribir. Na época de estudos en Lugo, onde cursou Bacharelato elemental, causoulle un forte impacto o percibir a diglosia presente na sociedade da época. O seu interese pola filosofía xorde en plena Guerra Civil, pola angustia que lle xeraban as consecuencias que o conflito bélico traían ao seu contorno. En 1942, rematada a guerra, marcha a Madrid para cursar Filosofía.

Ramón Piñeiro foi o director literario de Galaxia e, desde ese posto, un dos principais artífices da reconstrución cultural galega da posguerra.

Coa cegada da autonomía, Ramón Piñeiro comezou por apoiar diversos manifestos a prol da consecución dun auténtico autogoberno para Galicia e esixiu un estatuto que garantise niveis de autonomía equivalentes aos de Cataluña e País Vasco. Como deputado autonómico traballou a prol da Lei de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade en 1983. Nese mesmo ano, Ramón Piñeiro foi elixido presidente do primeiro Consello da Cultura Galega, cargo que ocuparía ata o seu pasamento en 1990.

Comparte